InicioNovasVilalba reinicia as feiras mensuais este domingo coa reubicación dalgúns postos

Vilalba reinicia as feiras mensuais este domingo coa reubicación dalgúns postos

O equipo de goberno comeza a trazar unha reorganización das feiras para garantir as medidas hixiénico sanitarias respectando as indicacións pertinentes neste estado de alarma

Os postos deberán cumprir a normativa, seguir as normas como o uso de mascarilla e desinfectantes, e manter as distancias de seguridade

Vilalba, 3 de xuño de 2020

As feiras mensuais volven ao Concello de Vilalba despois de preto de 3 meses sen a súa celebración por mor da crise sanitaria da COVID-19. Mais este domingo 7 de xuño reiniciarase o calendario de feiras mensuais suxeitas á normativa e protocolos vixentes.

O goberno local retoma estas feiras cunha reorganización dos postos “para darlle un sentido e aproveitar e optimizar os distintos espazos en función da actividade que se desenvolva en cada un deles”, afirmou a edil de feiras e mercados, Antía Rama. Desde o equipo de goberno indican que “estamos traballando nun novo regulamento de ordenación das feiras, comezando a producírense os primeiros cambios este domingo, aínda que non serán os definitivos posto que a normativa actual require de medidas especiais que, esperemos, máis adiante se irán suprimindo”.

Nesta liña, os postos que se situaban na Praza da Constitución e na rúa Calvario cambiaranse agora para a estrada de Meira e a rúa Benxamín Paz, empregando tamén o aparcadoiro fronte ao Centro de Saúde, aproveitando todo o espazo que se encontra desde o cruce coa rúa de Guitiriz ata a rúa da Feira.

Co mesmo fin de reorganizar os postos, todos os de alimentación quedarán na Praza de Santa María e na das mulleres, e aqueles de venta de animais desprazaranse aos galpóns do Campo da Feira xunto cos demais da mesma índole que xa se atopaban anteriormente alí.
Deste xeito, preténdese agrupar os postos de alimentos, a zona de animais, ou a de venda de roupa, aínda que “será de xeito progresivo, quedando os cambios suxeitos a posibles modificacións futuras de cara á nova normalidade, pero seguindo as indicacións que xa se marcaron a comezos deste ano para respectar as medidas hixiénico sanitarias”, segundo explicou Rama.

Coa mirada posta na feira deste domingo, desde o Concello esixen aos responsables dos postos toda a documentación pertinente, así como que sigan as medidas de protección sanitaria, con hidroxeles, mascarillas, e a desinfección das zonas de uso común. Tamén fan un chamamento á responsabilidade, evitando na medida do posible o contacto “e por suposto as aglomeracións”, contando coa vixilancia das forzas de seguridade que “estarán pendentes ante posibles incumprimentos para protección de todas as persoas”.