Servizo de educación e apoio familiar

PROGRAMA DE EDUCACIÓN E APOIO FAMILIAR

Subvencionado pola consellería de Política Social e cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 .

Está dirixido á inclusión social dos menores e das súas familias, e o seu obxectivo principal é promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas.

O programa de Educación Familiar divídese en tres programas: REFORZO SOCIEDUCATIVO DOS MENORES, ADESTRAMENTO E MODELAXE EN HABILIDADES PARENTAIS e ALFABETIZACIÓN E COMPETENCIA ORAL NAS LINGUAS OFICIAIS DE GALICIA.

REFORZO SOCIEDUCATIVO DOS MENORES

A educación é un dereito básico e principal instrumento de socialización e integración social. Mellora as expectativas laborais e salariais e aumenta a participación social. O fracaso escolar deriva nun abandono prematuro da ensinanza, e constitúe un dos principais factores que contribúen á aparición de situacións de marxinalidade, paro e exclusión social, converténdose nun grave problema: Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), no ano 2017, o 40.9% da poboación entre 25 e 64 anos, non tiña o título de Graduado en Educación Secundaria.

Por outra parte o informe “Panorama da Educación en España” da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos) pon de manifesto que España é un dos países europeos con máis abandono educativo: o 43% da poboación entre 25 e 64 anos e o 34% entre 25 a 34 anos, non completou a secundaria superior (Bacharelato e FP de grado medio). Estes porcentaxes duplícanse no caso dos/das inmigrantes. Este abandono na actualidade considerase temperan, porque para o desenvolvemento persoal e a inserción laboral, é imprescindible unha titulación post-obrigatoria.

No abandono prematuro dos estudios, inflúen situacións persoais, familiares e sociais, que é preciso ter en conta, para aportar os apoios e intervencións familiares e sociais precisas para superar este grave problema.

Neste programa, incluímos o reforzo, orientación e apoio escolar ás/ós menores das familias participantes no programa, mediante a coordinación con todos os centros escolares do noso municipio, para realizar un seguimento da súa evolución escolar.

A educación é o pilar que sustenta as sociedades do futuro, polo que traballar para mellorar os problemas do alumnado, será sempre unha inversión de futuro que mellore e transforme positivamente a sociedade na que vivimos.

Dentro deste programa, prestase unha atención especial ás/os menores inmigrantes( no padrón do ano 2018 constan 228 menores), e concretamente aos de orixe marroquí, por ser os que demandan este servizo, xa que, segundo a investigación educativa, a condición de alumno/a inmigrante agrava o problema do fracaso escolar e o abandono prematuro do sistema educativo. Este fracaso escolar é de orixe multicausal, estando implicados diferentes factores, como:

  • O descoñecemento da lingua.

  • A diferencia de niveis académicos entre o país de orixe e España.

  • A limitación de recursos económicos, laborais e persoais que sofren estas familias.

  • Observamos que a maioría das familias destes menores non son conscientes da importancia da súa educación, que se agrava no caso das nenas, debido á súa cultura patriarcal, que favorece máis a educación dos nenos que a das nenas, o traballo das mulleres e o matrimonio precoz das mesmas, o que se converte nun obstáculo considerable para a súa educación, privándoas dos seus dereitos fundamentais.

O alumnado inmigrante ten dificultades engadidas no seu proceso de aprendizaxe, e polo tanto o seu esforzo debe ser maior. Todas estas dificultades debemos abordalas desde a individualidade de cada caso, para poñer en marcha os recursos apropiados en cada familia.

Obxectivo xeral:

Escolarización de todos os menores, dende os 3 anos (xa que a escolarización en infantil, mitiga a influencia dun entorno socioeconómico desfavorable) ata a obtención do Graduado en Educación Secundaria, como mínimo, motivando aos mozos e mozas a continuar a súa formación cursando estudios postobrigatorios: BAC, FP, universidade, elixindo aquelas profesións que se adapten máis ás súas preferencias e que teñan máis demanda e non as relacionadas tradicionalmente cun ou outro xénero.

Obxectivos específicos:

  • Implicación dos pais e nais nas tarefas escolares dos seus fillos/as, sobre todo dos pais, xa que é unha labor asumida tradicionalmente polas nais.

  • Seguimento das pautas indicadas polo profesorado dos centros educativos respecto aos fillos/as.

  • Promover un cambio de actitudes potenciando as relacións das familias cos colexios, e a súa implicación no proceso educativo dos seus fillos e fillas, sobre todo dos pais.

  • Proporcionar ós pais e ás nais pautas para motivar ós seus fillos e fillas a acadar un título académico acorde aos seus intereses e motivacións, sen distinción de apoio segundo o seu xénero. Este obxectivo é especialmente importante no caso das adolescentes marroquís, debido ás características patriarcais propias da súa cultura.

  • Adquisición de hábitos e técnicas de estudio que permitan ao alumnado aumentar o seu rendemento académico.

  • Apoio escolar nos casos que se estime necesario.

  • Apoiar ao alumnado inmigrante na aprendizaxe das linguas da nosa comunidade, imprescindible para un rendemento escolar axeitado.

  • Conseguir a reincorporación daqueles menores que abandonaron o sistema educativo sen acadar un título escolar, proporcionándolles asesoramento e orientación para a súa formación, motivándolles a elixir segundo os seus intereses, non segundo as profesións tradicionalmente consideradas dun ou outro xénero.

  • Reforzar nos menores a importancia dunha formación académica mínima que lles prepare para acceder no futuro ao mercado laboral.

  • Reducir o número de menores que abandonan prematuramente os seus estudios.

  • Eliminar o absentismo escolar.

  • Aumentar o rendemento escolar de todos os menores.

ADESTRAMENTO E MODELAXE EN HABILIDADES PARENTAIS

O concepto de familia cambiou considerablemente nas últimas décadas, adaptándose aos rápidos cambios sociais e económicos da sociedade. A familia segue a ser o grupo prioritario da sociedade, o que mellor pode promover o desenvolvemento igualitario a nivel persoal, social e intelectual dos e das menores, e protexelos de situacións de risco.

A tendencia actual dos grupos familiares é a ser cada vez mais reducidos e individualizados polo que teñen que afrontar tensións e situacións de estrés que poden esixir o apoio de profesionais da rede social.

Ademais, as dinámicas e os roles de xénero dentro das familias están cambiando (tanto os da parella como os dos seus fillos/as) baseándose en principios máis igualitarios. Estes cambios tamén afectan as relacións entre pais/nais e fillos/as que pasaron de ter unha estrutura xerárquica, a plantexarse como relacións máis horizontais e democráticas.

Sobre os pais/nais recae a responsabilidade de promover valores, actitudes e comportamentos saudables e responsables que favorezan o desenvolvemento san dos seus fillos/as e proporcionar un contexto axeitado de desenvolvemento e educación igualitaria para os seus membros.

Para isto, a miúdo a familia necesita apoio para afrontar os novos retos da sociedade actual coas dificultades engadidas xeradas polos rápidos cambios sociais, polo que deben dispoñer das competencias e recursos necesarios para dar resposta as diferentes problemáticas e necesidades familiares.

Dentro deste programa colaboramos estreitamente co Equipo Técnico do Menor, traballando conxuntamente naquelas familias con menores en situación de risco para, partindo das súas potencialidades , realizar unha intervención que modifique as circunstancias que remataron na situación de desprotección, programando actuacións para mellorar o medio familiar e capacitar aos pais e nais para atender axeitadamente as necesidades dos seus fillos/fillas, para que podan permanecer no seu núcleo familiar e teñan un desenvolvemento persoal, familiar, social e educativo axeitado.

Obxectivo xeral:

Promover a adquisición por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas, implicando especialmente aos pais na educación dos seus fillos/as, xa que esta tarefa é considerada tradicionalmente, responsabilidade das nais.

Obxectivos específicos:

  • Capacitar aos pais/nais para satisfacer as necesidades afectivas, educativas e materiais dos seus fillos/fillas, proporcionándolles as habilidades e hábitos necesarios.

  • Coñecer as características evolutivas dos/das menores ao seu cargo.

  • Comprender a importancia da escoita activa e da comunicación empática na relación cos seus fillos e fillas e como inflúe no control dos impulsos.

  • Utilizar estratexias de resolución de problemas e negociación.

  • Utilizar a disciplina para fomentar a autorregulación do comportamento nos seus fillos/fillas: límites construtivos, normas e consecuencias.

  • Aplicar as mesmas normas e disciplina sen ter en consideración o xénero dos e das menores.

  • Favorecer a integración e participación das familias en todos os ámbitos da vida comunitaria.

  • Motivar e apoiar a aqueles pais/nais sen formación a obter as Competencias Clave, para aumentar as súas posibilidades de integrarse no mercado laboral.

  • Detectar situacións de risco e desamparo dos menores do municipio, derivando a familia cando sexa necesario ao Equipo Técnico do Menor.

  • Seguimento das familias derivadas polo Equipo Técnico do Menor e aquelas derivadas xudicialmente.

  • Respecto ás familias con expediente aberto no Equipo Técnico do Menor, todos aqueles obxectivos incluídos no seu Plan de traballo, que aseguren un correcto desenvolvemento persoal, familiar, social e educativo dos menores e a cobertura das súas necesidades básicas.

ALFABETIZACIÓN E COMPETENCIA ORAL NAS LINGUAS OFICIAIS DE GALICIA

Aprender a lingua do país de acollida facilita a vinculación e integración sociocultural dos inmigrantes. Ser inmigrante e muller supón un dobre factor de risco de exclusión social, porque ás dificultades asociadas aos inmigrantes hai que engadir o feito de ser muller, e no caso das mulleres inmigrantes marroquís, existe ademais un terceiro factor de risco, debido as características patriarcais propias da cultura musulmán, que se agravan ao estar nun entorno novo onde as súas características culturais e relixiosas son minoría.

Este programa vai dirixido exclusivamente a mulleres inmigrantes con fillos menores a cargo, e aínda que está aberto a mulleres de todas as nacionalidades, ata o momento centrámonos nas mulleres marroquís porque son as que están a solicitar esta formación, posiblemente debido ás maiores diferencias idiomáticas e culturais. De feito, este programa o engadimos no ano 2017, debido a gran demanda existente deste colectivo, de recibir alfabetización en lingua castelá, requisito indispensable para integrarse na comunidade e acceder ao mercado laboral, que é outra demanda que realizan.

Na maioría dos casos, estas mulleres, trasládanse a vivir a nosa comunidade xunto cos seus fillos e fillas, cando os seus homes levan anos residindo e traballando no noso país. Por motivos laborais e de maior permanencia, os homes están mais integrados na comunidade e aprenden o idioma relativamente rápido, igual que os seus fillos/fillas, que se converten nos intérpretes da súa familia. Pero as mulleres, non participan na vida comunitaria, permanecen no fogar responsabilizándose das tarefas da casa e dos/das menores ao seu cargo, e solo se relacionan con outras mulleres da súa etnia, comunicándose no seu idioma, entrando nun círculo difícil de romper: non se relacionan con mulleres nativas porque descoñecen as linguas da nosa comunidade, e non poden aprender ditas linguas, porque solo se relacionan entre elas, aumentando a súa exclusión social e a súa dependencia dos seus homes, por carecer das habilidades básicas para desenvolverse nos trámites máis rutinarios.

Ao descoñecemento do idioma, hai que engadir, que en moitas ocasións, estás mulleres nunca estiveron escolarizadas no seu país. Segundo a UNESCO, en 2012 solo o 59,13% das mulleres estaban alfabetizadas, fronte a un 80,38% dos homes. Isto é unha dificultade engadida para a súa aprendizaxe do noso idioma. A gran diferenza que hai entre a alfabetización nas linguas da nosa comunidade masculina e feminina, é unha forma de discriminación que impide ás mulleres incorporarse á nosa sociedade en igualdade de condicións.

Obxectivo xeral:

Promover o aprendizaxe da lingua castelá das mulleres inmigrantes con fillos menores, como requisito imprescindible para integrarse na comunidade e acceder ao mercado laboral.

Obxectivos específicos:

  • Adquirir competencias lingüísticas, que permitan ás mulleres comunicarse coa comunidade, acceder ao mercado laboral e manter unha vida o mais autónoma posible.

  • Promover momentos diarios en que a comunicación no seno da familia sexa en lingua castelá, para acelerar o proceso de adquisición do idioma de toda a familia, imprescindible para a súa inserción na comunidade.

  • Ofrecer información acerca dos recursos municipais existentes, así como doutras entidades e servizos.

  • Introducir ás mulleres no coñecemento do seu entorno: país, comunidade autónoma, provincia, localidade e costumes locais.

  • Aumentar a súa participación na vida comunitaria: coñecer e participar nas festas e tradicións locais, relacionarse con mulleres nativas, participar xunto cos seus fillos/fillas en actividades promovidas polos centros escolares...

  • Proporcionarlles información sobre os trámites a seguir para a homologación dos seus estudios, motivándollas a continualos cando as súas circunstancias familiares e económicas o permitan.

  • Proporcionarlles información e acompañalas se é necesario, na realización de trámites como : matriculación dos fillos/fillas na Escola Infantil, matriculación nas Escolas Deportivas Municipais, solicitudes de nacionalidade para os seus fillos/fillas.....

O programa de Educación Familiar para a inclusión social dos menores e das súas familias, é complementario ao programa de inclusión social da oficina comarcal de Begonte.

As familias participantes son derivadas polos centros educativos, polo Equipo do Menor, pola Oficina Comarcal de Inclusión Social de Begonte e polas traballadoras e traballadores sociais deste concello. Cada vez máis familias acoden a este servizo a solicitar apoio para o desenrolo das súas funcións.

A intervención realízase maioritariamente no domicilio das familias. Trátase dun acompañamento individualizado para dar resposta ás problemáticas específicas que presenta cada familia en particular.

Estamos coordinados cos centros educativos, cos que mantemos reunións periódicas e conxuntas nas que están presentes os pais/nais dos menores, co Equipo do Menor, e coa oficina comarcal de inclusión social de Begonte.