InicioNovasBorrador automático

O Concello incrementa a desinfección de rúas ante o alivio do confinamento para a poboación infantil

A partir de este domingo os menores de 14 anos poderán saír a dar paseos e xogar nas rúas respectando os horarios e normas de seguridade indicadas polas autoridades

Coincidindo con esta medida, o Concello de Vilalba incrementa a desinfección de espazos públicos para aumentar as garantías fronte aos contaxios do coronavirus

 

Vilalba, 25 de abril de 2020

 

Este domingo aliviarase o confinamento para as nenas e nenos permitindo a súa saída á rúa, regulada mediante a Orde SND/370/2020, de 25 de abril, sobre as condicións nas que deben desenvolverse os desprazamentos por parte da poboación infantil durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O goberno  de Vilalba faise eco destas medidas promulgadas polo Executivo do Estado, facendo fincapé na importancia de respectar o distanciamento social entre nenos/as e persoas adultas, con paseos de máximo unha hora nas proximidades das súas vivendas (cumprindo o límite de espazo dun quilómetro), de 9 a 21 horas. Así mesmo, os menores de 14 anos terán que saír acompañados dun maior co que convivan, que se fará cargo de máximo tres nenos.

Desde a entidade local aproveitan estas indicacións para recomendar “que se eviten as horas puntas e que as familias actúen con prudencia e responsabilidade, pois é un asunto de saúde pública no que todos estamos implicados”, aseguran. Neste senso, “segundo o criterio de non acumulación e por proximidade aos domicilios”, aconsellan os seguintes espazos para que os nenos e nenas paseen ou xoguen respectando as distancias: Rúa Mondoñedo, Rúas Revolta, Abadín e Cospeito, Rúa Castelao, Rúa Cotarón, Rúa Conde Pallares, Área Recreativa da Madalena e todas as prazas da cila (Praza da Constitución, Campo da Feira, Praza de San Xoán, Praza Coronel Pena, Praza de Santa María e Praza do Auditorio). “Pedimos encarecidamente que se eviten os contactos entre persoas e a acumulación de xente”, lembrando que “os parques infantís permanecerán pechados”.

No que atinxe ás parroquias, “nas zonas do rural, aplicaranse as mesmas medidas”, cumprindo o límite de espazo dun quilómetro desde o domicilio do menor. Desde o Concello apelan “á responsabilidade das persoas a cargo dos nenos, confiando en que esta medida contribúa a mellorar o benestar físico e mental dos nosos pequenos sen poñer en risco a ninguén”.

 

Desinfección de espazos

Nestas últimas semanas realizáronse tarefas de desinfección de espazos públicos de xeito continuado mediante a concesionaria do servizo de limpeza, Urbaser, Protección Civil e persoal municipal, mais este sábado 25 veranse reforzadas durante toda a xornada, así como o domingo 26, coincidindo coa saída dos pequenos á rúa, “polo que realizaremos un importante esforzo nos lugares nos que poderá haber máis tránsito con dúas motobombas”.

A maiores, contarase co apoio de operarios municipais que se encargarán da desinfección mediante equipos individuais por todas as rúas do casco urbano de xeito progresivo. Os equipos de desinfección mecánica traballarán a diario durante as vindeiras xornadas, e desinfectaranse lugares concretos como farmacias, supermercados, centro de saúde, panaderías, etc.

Tanto no urbano como no rural, estanse a desinfectar tamén todos os contenedores de lixo, un total de 1375, e nos vindeiros días levarase a cabo a retirada de malas herbas de beirarrúas e espazos públicos de xeito manual para manter nunhas boas condicións a vila.