InicioNovasBorrador automático

O CONCELLO DE VILALBA RECLAMA Á XUNTA QUE CLARIFIQUE AOS CENTROS EDUCATIVOS OS PROTOCOLOS PARA A VOLTA AO CURSO E ASUMA OS SOBRECOSTES ECONÓMICOS QUE SUPORÁ ADAPTARSE Á NOVA NORMATIVA MARCADA POLA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Vilalba, 25 de agosto de 2020. O grupo de goberno do Concello de Vilalba mantivo onte unha reunión cos directores dos centros educativos de infantil e primaria do municipio. Ao encontro, que estivo presidido pola alcaldesa, Elba  Veleiro, tamén acudiron o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón, a  concelleira de Educación, Antía Rama, e a de  Servizos  Sociais, Marta Rouco.

O obxectivo era poñer sobre a mesa as incertezas e inquedanzas que os responsables dos colexios teñen sobre o inicio do próximo curso escolar, previsto pola Consellería de Educación para o próximo 10 de setembro. “Hai moita preocupación entre o profesorado e os directores sobre como levar a cabo os protocolos marcados pola Xunta”, explicou a rexedora local.

Desde o Concello de Vilalba puxéronse á disposición de todos os centros escolares para colaborar na adaptación dos diferentes protocolos e proporcionar os medios necesarios para un inicio de curso seguro e eficaz. “Ante a falta de concreción do executivo autonómico, a colaboración do goberno local vai ser total para facilitar aos colexios todo o material ou persoal necesario para cumprir coa normativa”, incidiu Elba Veleiro.

Durante a reunión, puxéronse sobre a mesa algúns asuntos, como a necesidade de contratar máis persoal de limpeza para poder realizar as tres desinfeccións diarias nas instalacións que marca o protocolo da Xunta. Ou a necesidade de controlar o fluxo de alumnos e alumnas durante as saídas dos centros, para que sexan ordenadas e que no se produzan aglomeracións. En ambos casos, o Concello dixo que poñería os recursos necesarios para cumprir con estes obxectivos, tanto incorporando máis persoal de limpeza como coa participación dos voluntarios de Protección Civil nas portas dos centros.

Ante esta situación, que obrigará aos concellos a realizar un gasto extraordinario e non contemplado nas contas anuais, o Concello de Vilalba reclama que a Xunta cumpra coas súas competencias e faga fronte a este sobrecuste económico mediante algún tipo de subvención ou liñas de axudas.

Outro dos asuntos que máis preocupan, e do que tamén se falou neste encontro, foi saber como actuar no caso de que un alumno presente algún síntoma  compatible cun cadro de Covid-19. “No outono, como sucede cada ano, atoparémonos con moreas de rapaces con febre, tose ou problemas de garganta e todavía non temos ningunha directriz sobre como actuar nestes casos”, explica a alcaldesa de Vilalba. “Os centros escolares non saben se teñen que contactar cos país ou cos centros de saúde, co risco de sobrecargar o sistema de atención primaria, se teñen que illar a toda a aula ou só a aqueles que estean máis preto do alumno en cuestión. É un tema complicado, que nos xera moitas dúbidas e para o que aínda non temos respostas por parte da Xunta, que é que ten que clarificar todas estas casuísticas”.

Desde o Concello xa anunciaron que terán proximamente unha reunión cos representantes dos país dos alumnos, xa que xogarán un papel fundamental en todo o proceso de adaptación á nova normalidade nas aulas. “Será importante coñecer de primeira man cales son ás dúbidas e o punto de vista dos pais e contar coa súa colaboración para implementar da mellor maneira posible os protocolos esixidos”, recalcan desde o Concello.