InicioNovasBorrador automático

O CONCELLO DE VILALBA PON EN MARCHA A CAMPAÑA DE RECOLLIDA DOS PLÁSTICOS DE SILO USADOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS E GANDEIRAS

O Concello de Vilalba informa á veciñanza da apertura da campaña de recollida dos plásticos de silo procedentes das explotacións agrícolas e gandeiras do municipio.

Mediante un bando da alcaldesa, Elba Veleiro, o concello anuncia que a recollida se realizará na terceira semana deste mes (desde o próximo luns, día 19, ao domingo 25, os dous días incluídos).

Con esta campaña de recollida, as gandeiras e os gandeiros poden desfacerse dos plásticos sobrantes ou xa usados nas súas explotacións. Deberán depositalos nos lugares habilitados a tal efecto e só nas citadas datas.

“Establecemos un calendario anual de recollidas de plásticos agrícolas, sinalizándose nos lugares habilitados a tal efecto, en función dos datos recollidos de produción destes residuos; deste xeito, preténdese un dobre obxectivo, os gandeiros e gandeiras poderán organizarse tendo unhas datas previstas e, por outra banda, elimínase o depósito incontrolado”, explica Rodrigo Pavón, concelleiro de Espazos Cidadáns, Relación coa Veciñanza e Servizos.

Ademais, o concello lembra que só se recollerán plásticos de silo, que os plásticos deberán estar atados en fardos e que non se poderán depositar rodas nin garrafas de plástico, só plásticos de silo.

A recollida e correcto tratamento posterior deste tipo de residuos é fundamental para o coidado medioambiental, por iso o concello pide a colaboración de todos na tarefa de manter a contorna natural de Vilalba nas mellores condicións.

Para calquera dúbida sobre esta campaña de recollida, os veciños e veciñas de Vilalba poden poñerse en contacto co número de teléfono 982 510305.