InicioNovasBorrador automático

O Concello de Vilalba insta á Xunta de Galicia a que se faga cargo de forma urxente do mantemento e limpeza da Estación de Autobuses

Vilalba, 22 de xullo de 2020. O Concello de Vilalba insta á Xunta de Galicia a que se faga cargo de forma urxente dos traballos de mantemento e limpeza da estación de autobuses.

O grupo de goberno local denuncia que as instalacións, de titularidade autonómica, atópanse desde hai tempo nunhas condicións pésimas de insalubridade, podendo ser un foco de infección.

O Goberno municipal pide ao executivo autonómico que actúe de inmediato, tras unha primeira advertencia hai semanas. “Remitiremos un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que tomen cartas no asunto, e para falar sobre as condicións presentes e futuras deste espazo”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.

A día de hoxe, a estación de autobuses é un espazo transitado por usuarios e usuarias das liñas habituais, e ademais figura no plan de transporte integrado da Xunta de Galicia como punto de chegada e saída de rutas escolares.

Requerimos que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias e realice de inmediato o acondicionamento das instalacións, e de non ser así teremos que tomar medidas máis contundentes”, engade Veleiro.