InicioNovasBorrador automático

O CONCELLO DE VILALBA DEMANDA Á XUNTA MEDIDAS URXENTES PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA E PON Á SÚA DISPOSICIÓN ESPAZOS MUNICIPAIS PARA DESDOBRAR AULAS

Vilalba, 11 de setembro de 2020. O Concello de Vilalba enviou unha carta ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que demanda á Xunta medidas urxentes para a comunidade educativa na actual situación de pandemia.

Ademais, na carta, enviada previamente a todos os grupos políticos da corporación, o concello ofrece á Xunta a cesión de espazos de titularidade municipal, como o pechado colexio da parroquia de Belesar, para desdobrar aulas e baixar as ratios de alumnado nos centros máis masificados.

Entre as demandas, está a posta en marcha de “plans e axudas á conciliación e flexibilización laboral e familiar ante a situación actual derivada da pandemia da Covid-19; calquera escenario que requira o coidado de menores froito de medidas de prevención, ante posibles contaxios ou mesmo o peche total dos centros de ensino esixe una resposta urxente que abrangue os eidos laborais, familiares e educativos”.

O concello pide tamén “a dotación de materiais contemplados como obrigatorios no protocolo da Xunta de Galicia, nomeadamente as máscaras para escolares, prestando especial atención ás familias en situacións de vulnerabilidade”, asi como “o esclarecemento dos protocolos e normas a seguir tanto para os centros educativos, como para os centros de ocio infantís, así como para actividades extraescolares; en definitiva, a definición dun marco estable e seguro para toda a comunidade educativa”.

Na carta, o grupo de goberno de Vilalba solicita por outra parte “a contratación de máis docentes cos fondos estatais para baixar as ratios de alumnado por aula e maiores dotacións económicas para os centros escolares e entidades locais, a quen se lle cedeu a maior carga de responsabilidade no cumprimento do protocolo establecido, co fin de adecuar os espazos ás esixencias establecidas, desdobrar clases, cumprir coas medidas de prevención, etc”.

Cubrir os gastos extraordinarios do concello para a limpeza e desinfección dos centros debido a carga económica que supoñen nestes tempos; colaboración na organización de accesos e recreos para evitar riscos e facilitar as distancias interpersoais; reforzo da asistencia sanitaria nos centros escolares, e o deseño dun Plan específico de atención ao alumnado con necesidades educativas especiais son outras demandas municipais.

Por último, o concello esixe “a resolución inmediata da problemática de abastecemento de auga no CEIP de Román coa construción dun novo pozo; rutas de transporte escolar seguras, evitando mesturar alumnado de distintos centros e eliminando o transporte integrado mentres duren os problemas sanitarios polo perigo de contaxios que isto supón, e un Plan de dixitalización para o alumnado co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades para todas e todos, con melloras do acceso a internet de zonas do rural”.