InicioNovasO Concello de Vilalba apoia o sector cultural cunha programación en liña

O Concello de Vilalba apoia o sector cultural cunha programación en liña

Un total de catro espectáculos distribuídos nas dúas vindeiras semanas serán postos a disposición a través da canle de YouTube do Concello e as Redes Sociais, incluíndo unha retransmisión en directo desde o Auditorio Municipal

“A cultura vai ser un dos sectores que máis sufrirá as consecuencias da pandemia, polo que deberemos contribuír a ese proceso de reinvención desde as administracións públicas”

 

Vilalba, 21 de abril de 2020

 

O Concello de Vilalba dá o seu apoio ao sector da Cultura programando para as próximas semanas catro espectáculos que se retransmitirán de forma on line.  Un espectáculo de circo, títeres, unha posta en escena de malabares e a actuación dun mago poderán ser desfrutados a través da canle de YouTube e as Redes Sociais do Concello.

Para iso, colgaranse os vídeos das distintas funcións nos días sinalados (23, 26 e 29 de abril ás 18h.), que inclúen un saúdo especial dos protagonistas á veciñanza de Vilalba, e tamén se realizará unha retransmisión en directo desde o Auditorio Municipal (2 de maio ás 18h.) sen público e a porta pechada, respectando a normas de seguridade.

“Nestas semanas vimos como gran parte do sector cultural ofreceu contidos dun xeito altruísta para facilitar e amenizar a todas as persoas esta situación difícil de confinamento”, afirman desde a área de Cultura do Concello, de xeito que “tamén toca devolver o xesto e acompañar e apoiar as distintas artes neste proceso de reinvención obrigado e necesario que terán que afrontar”. Foi esta premisa a que levou ao goberno local a buscar unha fórmula novidosa “na que levamos semanas traballando co obxectivo de ofrecer un contido cultural ás nosas veciñas e veciños e asumir o compromiso, para nós ineludible, de apoiar ao sector nun momento tan complicado”, aseguran.

Os espectáculos que se ofrecen son de distinta índole e pensados para todos os públicos, especialmente o público familiar “para que os máis pequenos teñan momentos de diversión e entretemento promovidos polo Concello e dirixidos especialmente a eles, con algunha actividade de debuxo que completará algunha das funcións”. Permanecerán na rede ao longo de 24 horas, para aqueles que non podan velos no momento, “polo que agardamos que esta iniciativa teña unha boa acollida e que sigamos estudando máis posibilidades nesta liña de actuación”.

 

PROGRAMACIÓN:

 

23 de abril ás 18 horas: EMPORTATS de Cía La Trócola

Emportats é circo para todos os públicos que combina distintas disciplinas: acrobacia, malabar, música e traballos con obxectos (portas).

  • PREMIO FETÉN 2018 A Mellor Espectáculo de Noite
  • CANDIDATOS AOS PREMIOS MAX 2018 Mellor Espectáculo Revelación
  • Premio les Arts Escèniques Valencianes 2018

 

26 de abril ás 18 horasOYUN de El Fedito

Oyun é un espectáculo único e innovador, para todos os públicos, que combina humor, orixinalidade, ritmo e depurada técnica de malabares, que sen dúbida non deixará indiferente a ninguén.

  • 2º PREMIO CIRCADA OFF 2018 (SEVILLA)
  • PREMIO FESTIVAL CIRCARTE (ALICANTE)
  • PREMIO FESTIVAL KALDEARTE (VITORIA)
  • PREMIO FESTIVAL NOSOLOCIRCO (CÁCERES)
  • PREMIO JAÉN PARAÍSO INTERIOR (JAÉN)
  • PREMIO FESTIVAL CIRCAIRE (MALLORCA)

 

29 de abril ás 18 horas: Antón Comodón, de Estaquirot Teatre
Esta é a historia de Antón, un neno que aprende a valerse por sí mesmo nunha longa viaxe de valores e aprendizaxes.

  • PREMIO FETÉN 2016 A ESPECTÁCULO DE TÍTERES

 

2 de maio ás 18 horas: Mago Teto: Alquimia

*Retransmisión en directo

O novo show do Mago Teto afonda na Alquimia, esa incrible mestura de maxia, esoterismo e ciencia que deu lugar a tantos mitos, lendas, sucesos ... e falabaratos. Alquimia é unha proposta onde o noso alquimista afonda dun xeito divertido e trepidante en todos estes coñecementos na procura da nosa particular Pedra Filosofal: a risa e a felicidade do público.