Inicio    Servizos    Coñecer Vilalba   Novas    Axenda    Documentos    Contratación   
 
Inicio > Coñecer Vilalba > Rutas de Sendeirismo >

Ruta do Monseiván

Ruta polos montes das parroquias de San Simón e Vilapedre, con visita ás queixerías artesanais da zona e vistas da comarca desde o monte Monseiván.

Nesta ruta pódese combinar o coche cunha camiñada. Saíndo de Vilalba, a uns 5 Km, atopámonos coa parroquia de Lanzós, famosa pola sona dos seus capóns criados con esmero. Alí podemos visitar o castro de Lanzós ou "castro do Adro" que supón para o viaxeiro unha boa oportunidade de descubrir os restos dun asentamento típico da comarca chairega. A súa extensión é de 4.300 metros cadrados e conta cun só muro defensivo, totalmente conservado, e cunha fonte no medio.

Nesta mesma parroquia podemos contemplar unha boa mostra das chamadas "escolas habaneras", promovida pola sociedade "El progreso de Lanzós" e construída nas primeiras décadas do século XX por iniciativa dos veciños da zona emigrados a Cuba. Unha peculiaridade interesante desta construción consiste no feito de que conta cun reloxo de torre na súa fachada principal, o que lle dá unha grande vistosidade. Xunto á escola atopámonos coa igrexa, que responde ás características típicas das igrexas da comarca, e que presenta unha torre pegada ó corpo central. Destaca, tamén, o seu contorno, conformado por unha serie de árbores ornamentais de grande tamaño combinadas con outras plantas de menores dimensións, que lle confiren ó lugar un aspecto apacible e ó tempo un carácter claramente individualizado.

Nada máis saír da escola de Lanzós e seguindo pola vía que vai a San Simón e a Muras, atopámonos coa capela de San Andrés á beira da estrada. Esta construción é coñecida na zona pola grande devoción que os veciños piden para os seus defuntos ó santo patrón. 300 m máis adiante entramos na zona de elaboración do mítico queixo de San Simón. En calquera destas instalacións produtivas, que aínda conservan un marcado sabor artesanal, podemos facernos con boas mostras deste exquisito produto que nos axudará a facer o camiño. A partir deste punto, podemos coller a ruta cara ó Regueiriño e visitar a zona na que se emprazan os recentemente instalados parques eólicos da parroquia de Vilapedre, situados na serra da Carba, e logo baixar ata chegar ó río Eume e meternos no veciño Concello de Muras. Con todo, ós amantes do sendeirismo que busquen tamén unha visión paisaxística global da comarca, recomendámoslles seguir cara ó Valado, núcleo no que se atopa a igrexa parroquial de San Simón da Costa, considerada a "catedral da Terra Chá" polas súas dimensións. Tamén neste núcleo nos encontraremos cunha "escola habanera" acabada de restaurar e con varias queixerías artesanais no contorno.

Chegados a este punto, a paisaxe comeza a lenta transición desde a planicie á montaña, e tamén se perciben modificacións nas estructuras de poboamento. A partir de aquí colleremos cara ó monte Monseivane, que xa se comeza a divisar nada máis enfilada a estrada que nos leva ó lugar de Candaído. A uns tres quilómetros do Valado, atoparémonos coa capela de San Xián, pertencente á parroquia de Samarugo. Desde aquí podemos facer un pequeno desvío da ruta para visitar a igrexa e o pazo desta parroquia, este último coñecido en toda a comarca porque os seus señores dispoñían de dereito de "soga e coitelo" sobre os seus vasalos. Volvendo á ruta principal, a uns 800 m da mencionada capela, podemos ver ó lonxe o lugar de Campomaior, un asentamento de poboación típico de montaña e diferenciado, pois, claramente con respecto ós característicos da comarca por causa da súa elevada densidade de construcións nun espazo reducido. Posteriormente chegamos ó lugar de Cornas, punto moi axeitado para deixarmos os vehículos e comezarmos a nosa camiñada a pé. A ascensión ó monte Monseivane levaranos no seu punto máis alto ata unha altitude de 929 m sobre o nivel do mar. Durante o traxecto contemplaremos gando pacendo en liberdade -cabalos, vacas pero tamén cervos-, así como unha importante masa forestal de piñeiro bravo (pinus sylvestris) que foi plantada arredor de 1940. Desde diversos puntos da ruta pódese divisar toda a planicie que constitúe a Terra Chá, e non é difícil descubrir as vilas máis importantes da comarca: Vilalba, Feira do Monte, Muimenta, etc. A medio camiño da ruta podemos facer un alto nunha pequena área de descanso.

PLANO DA RUTA
Plano Ruta Monseivane


 Legal    Enlaces    Mapa da Web    Buscar   
 
 
 
 
© Concello de Vilalba.
A documentación facilitada nesta Web ofrécese a título informativo e non suple
a documentación oficial facilitada polos Órganos Administrativos do Concello de Vilalba.