Natureza

Recursos Naturais e de Interese

Nada máis saír da vila atopámonos coas instalacións da praia fluvial, na cal se pode gozar da auga do río Madalena e practicar varios deportes (fútbol, tenis, footing). Se temos vontade de pasear, podemos camiñar desde a praia ata o recentemente restaurado Muíño do Rañego a través dun paseo fluvial no que podemos contemplar unha paisaxe típica de ribeira. Este traxecto permite contemplar dous muíños máis, o chamado da Madalena, a carón da estrada que vai a Momán, e o dos Pasos, río abaixo.

Saíndo da vila e collendo cara ás Pontes atopámonos coa Charca do Alligal, na parroquia de Codesido (lindando coa de Santaballa). Nela manan augas medicinais, razón pola cal se trata dunha paraxe moi concorrida no verán. Numerosas lendas están vencelladas a este lugar, e a maior parte delas fala dos poderes curativos destas augas para aquelas doenzas relacionadas coa pel e co reuma.

Indo cara a Muras pódense visitar as queixerías da parroquia de San Simón. Neste traxecto é posible acceder ó monte Monseiván, pertencente á Serra da Carba que integra, xunto coas do Xistral e o Cordal de Ousá e Neda, o conxunto de cordais montañosos que rodean e conforman a nosa comarca natural. Este monte configúrase como un dos miradores naturais que nos ofrece unha excepcional panorámica da comarca da Terra Chá. Ó abrigo desta serra habitan vacas e cabalos salvaxes. Coñecidos son os famosos curros que se realizan na época da rapa das bestas para liberar de pelo e marcar os animais.

Nesta riqueza paisaxística, a auga constitúe unha constante vital. Numerosas fontes mananciais, que logo forman regatos e ríos, fan da auga unha das principais riquezas de Vilalba e da Comarca. Á beira dos rios medra unha vexetación característica conformada predominantemente por amieiros, bidueiras e salgueiros. A riqueza piscícola destes rios fai deles un lugar de reunión de afeccionados ó deporte da pesca da troita.

Á beira do río Madalena e na saída de Vilalba pola estrada C-641 cara a Viveiro atópase a área recreativa máis importante do noso concello. Componse esta de praia fluvial e instalacións acondicionadas para o ocio ó aire libre, piscina cuberta, estadio de fútbol e pistas de tenis e de atletismo. A zona conta cunha infraestructura para realizar merendas, e nela celébrase unha das festas máis importantes da vila, a Xira, coincidindo coas festas de San Ramón e Santa María. Desde esta área fluvial pode accederse paseando ó recentemente restaurado Muíño do Rañego, museo etnográfico da Terra Chá.

Como outras áreas de ocio, cabe mencionar os parques e xardíns espallados pola vila.