Historia

Vilalba pode enorgullecerse lexitimamente de ofrecer abundantes e preciosos testemuños que evidencian unha personalidade histórica desde o Paleolítico ata os nosos días. Acreditan, sobradamente, este feito un grande número de documentos de singular valor: abrigos dos primeiros poboadores, construcións funerarias do Neolítico, mostras do Megalítico, e as primeiras aldeas fortificadas, os castros, todos eles probas evidentes das primeiras ocupacións humanas do territorio.

Tal como refire o historiador vilalbés Mato Vizoso, as primeiras mencións á actual vila datan do século VI. En efecto, en textos documentais alúdese a Santa María de Montenegro, vila amurallada e con castelo baixo a protección da familia do mesmo nome. Estes nobres cederon, tamén, a súa denominación á igrexa parroquial de Vilalba (Santa María de Montenegro) e habitaron un pazo, que aínda conserva o seu escudo, fóra do recinto amurallado, nos arredores da vila, probablemente unido coa fortaleza por unha serie de pasadizos subterráneos. Aló polo século VIII e previsiblemente no marco das invasións musulmanas que azoutaban a península desde o ano 711, sufriu a vila de Santa María de Montenegro un devastador incendio que a destruíu completamente. Durante 400 anos deixamos de ter testemuños da súa existencia, ata que no século XII aparece esta mencionada con outro nome, Vilarente.

Non parece clara a data exacta da construcción da fortaleza e das primeiras mencións á vila co seu nome actual, Vilalba. Algúns sitúan a fundación deste asentamento no século XI, mentres que outros localizan a primeira mención do topónimo un século despois, para falar xa cara a 1400 dunha vila que formaba parte do señorío de Fernando Ruíz de Castro. Sexa como sexa, na Idade Media a historia máis relevante do concello está directamente vencellada a unha poderosa dinastía, os Andrade, que estendía os seus amplos dominios polas fortalezas de Betanzos, Ferrol, Pontedeume, Moeche e Vilalba. A victoria trastamarista provocou a segunda doazón da vila a esta dinastía, esta vez por parte de Henrique II, ó que Andrade lle ofrecera o seu apoio en contra de Pedro I quen, curiosamente, fora o seu primeiro benfeitor. O feito de que esta fidelidade militar fose premiada cunha doazón de tales características sitúase na liña de actuación seguida pola nova dinastía entronizada, os Trastámara, que trouxo canda el a ascensión dunha nobreza laica moi belicosa e agresiva que atacaba mosteiros, bispos, burgueses e campesiños e que necesitaba, polo tanto, crear castelos como símbolo de poder e, sobre todo, como elemento defensivo dos seus dominios, cada vez máis extensos debido ás mercés reais.

No século XV, por mor dos enfrontamentos entre as distintas familias señoriais galegas, entre laicos e eclesiásticos, entre campesiños e nobres, e sobre todo por causa da Revolución Irmandiña, esencialmente campesiña, foron destruídas moitas fortalezas, entre elas o castelo de Vilalba. En efecto, os mesmos veciños da vila alzáronse en armas e destruíron o primitivo castelo no 1431, cando se sublevaron contra o seu opresor, Nuno Freire de Andrade, quen despois obrigou ós propios veciños a reconstruíren a fortaleza. No 1467, na que sería a segunda e verdadeira Revolta Irmandiña, Afonso de Lanzós, Pedro de Osorio e Diego de Lemos dirixiron un auténtico exército popular que acabou con todas as fortificacións dos Andrade, con excepción da de Moeche.

O castelo vilalbés reconstruído despois do levantamento irmandiño constaba dun cuadrilátero con tres torres nos ángulos, ademais da torre da homenaxe. Esta última presenta unha planta octogonal, desusada na Península Ibérica e única en Galicia, a que chegou ata os nosos días. Foi reconstruída por Diego de Andrade, nomeado conde de Vilalba polos Reis Católicos en pagamento ó seu destacado papel na corte, así como ó gran apoio que lles prestou a estes durante a Guerra de Granada. Tras o matrimonio da filla de Fernando de Andrade co Conde de Sarria, a casa de Andrade incorpórase á de Lemos. Curiosamente sábese que un dos caudillos da Revolta Irmandiña, Afonso de Lanzós, pretendeu construír, nun lugar aínda hoxe denominado “O Pazo” e próximo ó aínda conservado pazo de Samarugo, unha fortaleza que competise coa de Andrade en Vilalba, pero o conde non permitiu semellante ousadía.

A antiga torre da homenaxe do castelo dos Andrade foi reconvertida no século XX en parador de turismo, e na última década sufriu unha importante transformación e modernización. De feitura de cachotería de lousa. Os ángulos e os arcos dos vans son de cantería de granito. O conxunto aparece coroado por unha barbacá saínte sobre modillóns. Algunhas pedras da parte superior desta distáncianse para formaren seteiras pechadas na súa parte superior por ameas cadradas.

Cando mencionabamos que parte da historia segue presente, podemos referirnos ás antigas rendas feudais, os capóns, que hoxe constitúen un dos máis prezados e exquisitos pratos da nosa gastronomía, e que foron durante séculos forma de pagamento de rendas, marca de vasalaxe, medios, en fin, para contentar ós señores da terra.

Por outra banda, cómpre mencionar o feito de que Vilalba non quixo desmarcarse das correntes de espiritualidade que inundaron a península no marco da civilización cristiá occidental.

A eclosión do fenómeno pacego nos séculos XVI e XVII, debida á introdución do millo procedente de América e á consecuente mellora da situación económica da fidalguía, deixou no Concello de Vilalba suntuosas casas fidalgas edificadas no campo, posuidoras de signos heráldicos, de maiores dimensións que as normais noutras zonas e que constitúen un expoñente de luxo das nosas formas de arquitectura popular.

Aínda que non de forma tan intensa como outras zonas de Galicia, tamén Vilalba sufriu trastornos derivados do convulso século XIX e atribuíbles a fenómenos históricos tales como a Invasión Francesa e a primeira Guerra Carlista. Na segunda metade desta centuria e ó longo de todo o século XX foi a vila o centro dunha intensa actividade intelectual e cultural, sen parangón en asentamentos de dimensións similares. Tal é a razón de que as nosas rúas leven o nome de importantes escritores, poetas, pensadores e creadores, que honran o seu berce alén das nosas fronteiras.