Hidrografía

Varios ríos atravesan o concello, aptos para o paseo e para a práctica do deporte da pesca. As augas que afloran e discorren polo noso territorio van parar case que todas ó Miño, exceptuando a existencia de pequenos afluentes do Eume que se sitúan na parroquia de Vilapedre. O máis importante dos ríos que pasan por Vilalba é o Madalena, que nace na parroquia de Lanzós e ten numerosos regatos como afluentes. Na serra da Carba nace o Trimaz, que vén cara á capitalidade municipal bordeando a denominada “Charca do Alligal” situada na parroquia de Codesido (coñecida polas importantes propiedades curativas da auga que alí brota) e que conflúe no Madalena na Ponte dos Novos. Madalena e Trimaz forman a partir deste punto o río Ladra, no que posteriormente conflúe o Labrada. O río Batán, que atravesa a N-634 á altura do lugar de Martiñán, na parroquia de Corbelle, é, así mesmo afluente do río Támoga, outro dos máis importantes da comarca. Todos eles son aptos para a práctica do deporte da pesca, así como para contemplar a típica paisaxe de ribeira, constituída fundamentalmente por amieiros e bidueiras.