Economía

 

Recursos Económicos

 

A comarca da Terra Chá caracterízase por un elevado peso do sector primario. O noso concello participa deste elemento como fundamental, aínda que se individualiza polo elevado desenvolvemento relativo do seu casco urbano, que actúa como centro de servicios -sanitarios, deportivos, culturais, educativos e de ocio- de relevo comarcal.

No que ten que ver co desenvolvemento empresarial, cabe sinalar que Vilalba conta cun importante tecido empresarial asentado basicamente arredor da capitalidade municipal. Dentro del destaca unha empresa de transformación de leite, industrias transformadoras de productos cárnicos (xamóns e embutidos), empresas distribuidoras de calzado, algunhas constructoras, empresas de transporte por estrada e de distribución de productos alimentarios, unha fábrica de maquinaria agrícola, un serradoiro de madeira, concesionarios de automóbiles, un parador de turismo, hoteles, e un amplo abano de hostais, restaurantes e bares, así como outros negocios de servicios en xeral.

Vilalba conta cun polígono industrial bastante desenvolvido que se atopa xa en fase de ampliación e que conta cun total de 270.000 metros cadrados de solo industrial dispoñible actualmente, feito que favorece a instalación de empresas.

En canto ó sector primario, a falta de modernización e estructuración das explotacións agrarias fai que o potencial da zona estea pouco desenvolvido. O sector gandeiro presenta un importante número de explotacións, pero non así de cabezas de gando. O concello perdeu en boa medida o tren da modernización dos anos 80, debido á falta de estructuras axeitadas e sobre todo pola elevada idade dos titulares das explotacións. Nestes últimos anos iniciouse o proceso de concentración parcelaria en tres parroquias: San Lourenzo de Árbol (1.442 hectáreas), Santaballa (3.210 hectáreas) e Vilapedre (3.600 hectáreas). Tamén se solicitou o proceso na parroquia de Goiriz (aprox. 3.200 hectáreas). Esta modificación da organización territorial ten como obxectivo fundamental a mellora das infraestructuras e a dimensión das parcelas coa finalidade de que a agricultura se modernice e mellore a súa competitividade.