Arqueoloxía
CASTRO DE GONDAÍSQUE
Emprazado na parroquia do mesmo nome, accédese a el circulando pola N-634 en dirección a Baamonde (cóllese o primeiro ramal á dereita ata chegar á igrexa de Boizán), unha vez alí, dirixímonos cara á dereita ata o lugar denominado Castro.
O «Castro Grande» está situado nunha chaira irregular. Conta cunha dobre muralla defensiva, é de planta circular e ten antecastro. Hai restos que sinalan que este asentamento foi romanizado, pois encontramos unha construción de planta rectangular no seu interior. Dentro da croa nace a auga. Moi preto deste lugar atopáronse restos da época romana.
CASTRO DE BELESAR
É o segundo de maior extensión de todo o concello. Situado na parroquia vilalbesa do mesmo nome, para acceder a el deberemos chegar á ponte de Meire e desde alí xa se divisa unha forte pendente, que se corresponde cunha parte do castro. Este está emprazado sobre un couto, presenta dobre muro defensivo e un terreo bastante irregular. Tamén é coñecido como de «Santa Catarina», por causa dunha capela en adoración á devandita santa que sobre el se construíu, e da que só se conserva un muro.
CASTRO DE VIXIL
Situado na parroquia de Boizán, para acceder a el debemos circular pola N-634 en dirección a Baamonde ata o lugar denominado Alto de Vixil. Desde alí chégase ó castro xirando á dereita.
Situado nunha zona costenta, data da época prerromana e conta cunha superficie de 3800 metros cadrados. Ten un só muro defensivo. Este castro foi escavado e os restos atopados de cerámica e bronce exhíbense no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. In situ poden contemplarse restos de vivendas, lares e fornos. Nun lugar moi próximo ó castro atópase a «Capela das Neves».
CASTRO DE GOIRIZ
Emprazado na parroquia vilalbesa do mesmo nome, accedemos a el a través da N-634 en dirección a Oviedo. Moi próximo á «escola habanera» e á igrexa da parroquia sitúase o castro, no lugar do mesmo nome. É o de maior extensión de todo o concello, pois conta cunha superficie de 20.700 metros cadrados e tres defensas. Ten moi boa visibilidade.
CASTRO DE CODESIDO
Como aspecto de especial interese neste asentamento, pódese sinalar o feito de que dentro da croa están situados a igrexa e mailo cemiterio parroquiais.
CASTRO DE TORRE
Ó carón da igrexa parroquial sitúase o castro de San Nicolás, que debe o seu nome á ermida construída nas inmediacións, asentada sobre unha pena de 4 m (accédese a ela a través dunhas escaleiras). A planta do castro é circular, está situado sobre un outeiro e conta cun só muro defensivo.
CASTRO DE LADRA
Ten unha planta ovalada, cun só muro defensivo, e conta cunha extensión de 9550 metros cadrados. Temos constancia da súa romanización, pois na croa apareceron restos que así o testemuñan. Accédese a el despois de chegar á igrexa de Ladra. Dende aquí xiramos á esquerda ata chegar ó lugar de Aguiar, e alí de novo á esquerda ata chegar ó castro.
CASTRO DE NETE
Despois de chegar á igrexa parroquial, collemos un ramal á esquerda ata o lugar do Curro, e alí xiramos de novo á esquerda ata o lugar dos Castros. O castro de Nete conta cunha extensión de 2050 metros cadrados emprazados sobre un outeiro. Tiña tres murallas, das que só se conserva a norte, e unha planta circular.
CASTRO DE SANCOVADE
Tras chegar ó lugar da Frouxeira, collemos un ramal á esquerda que nos leva ó castro, encravado sobre unha chaira irregular. Na parte sur consérvase o dobre circuíto defensivo. A extensión do castro é de 8450 metros cadrados. Non conserva capela ningunha, pero si hai vestixios lexendarios da súa existencia.
CASTRO DE LANZÓS
Coñecido tamén como «Castro do Adro», supón para o viaxeiro a oportunidade de examinar os restos dun castro encravado no máis típico asentamento da comarca, unha chaira irregular. A extensión que posúe é de 4300 metros cadrados, cun só muro defensivo totalmente conservado e unha fonte no medio.
CASTRO DE SAN SIMÓN DA COSTA
Despois de pasar a igrexa parroquial, chegamos a un cruce, onde apartamos á dereita en dirección ó lugar do Catadoiro. Ó chegar a unha queixería que está nas inmediacións do cruce, apartamos á dereita. Denominado tamén «Castro de Vilarmaior», foi estudado por don Manuel Vázquez Seijas, quen encontrou restos cerámicos e outros utensilios das épocas neolítica e paleolítica. Tamén hai unha lenda dunha fermosa muller relacionada con este castro.
AS «ESCOLAS HABANERAS»
O emigrante cubano preocupouse non só pola súa formación, senón tamén pola dos seus veciños da terra natal. Estes centros educativos foron levantados nas primeiras décadas do século XX, e respondían ó interese, por parte dos vilalbeses do exterior, na continuidade do fenómeno migratorio pero en condicións máis vantaxosas das que eles tiveran. En palabras do vilalbés Peña Novo, «a emigración galega non se desvincula da terra». As achegas dos que marcharan posibilitaron a construción en Vilalba de 20 centros escolares, mostra dunha arquitectura intencionalmente diferenciada con respecto ó resto de construcións do contorno e espallados por diversas parroquias do concello: Santaballa, Corvelle, Lanzós, San Simón, Goiriz…


