Vados

ORDENANZA FISCAL NUM. 27

TAXAS POR RESERVAS OU APROVEITAMENTOS ESPECIAIS DE ESPAZO DE USO PÚBLICO, E POR INMOBILIZACIÓN, RETIRADA, TRASLADO, E DEPÓSITO DE VEHÍCULOS.

TITULO I. NATUREZA E FUNDAMENTO.

Artigo 1.    En uso das facultades concedidas polos artigos 133, apartados 2 e 3, e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, de conformidade co que se dispón nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas locais, e co que se establece no artigo 331 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da administración local de Galicia; este Concello establece as taxas polas reservas ou aproveitamentos especiais de espazo de uso público e pola inmobilización, retirada, traslado e/ou depósito de vehículos da vía pública, que se rexirán pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao que se prevé nos artigos 58 e 20.3 da dita Lei 39/1988, modificados pola Lei 25/1998, do 13 de xuño, de modificación de réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público.

TÍTULO II. FEITOS IMPOÑIBLES.

Artigo 2.    Constitúen o feito impoñible das taxas pola retirada, traslado e/ou depósito de vehículos calquera dos seguintes:

2.1. A retirada, traslado e/ou depósito de vehículos da vía ou do espazo públicos, de conformidade co que se dispón no Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, polo que se aproba o texto articulado da Lei sobre
tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, modificado pola Lei 5/1997, do 24 marzo, pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e polo RDL 12/1997, do 1 de agosto; e co que se dispón o Real decreto 13/1992,do 17 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación, modificado polo RD 116/1998, do 30 de xaneiro, e polo RD 2282/1998, do 23 de outubro; así como co establecido na demais normativa vixente aplicable en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e nas normas reguladoras municipais (concretamente os arts. 38.4 e 71 do RDL 339/1990).

2.2 A retirada traslado e/ou depósito de vehículos abandonados na vía pública ou terreos adxacentes, de conformidade co que se establece na lexislación precitada no apartado 2.1 anterior (art. 71.a do RDL 339/1990, modificado pola Lei 11/1999) e coa normativa vixente en materia de residuos sólidos urbanos e demais aplicable. (“Lei 42/1975, do 19 de novembro, sobre recollida e tratamento dos refugallos e residuos sólidos urbanos”, Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, e na ordenanza xeral de protección do medio ambiente urbano, art. 58 a 63 ambos inclusive.)

2.3 A retirada, traslado e/ou depósito de vehículos, desde o lugar onde se encontren, que estean embargados pola Recadación Executiva, segundo o que se establece na normativa vixente aplicable(arts. 134 e 136 do RD 1684/1990, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Recadación e demais normas aplicables).

2.4 A retirada, traslado e/ou depósito de vehículos a requirimento das autoridades xudiciais ou administrativas.

Artigo 3.   Constitúe o feito impoñible das taxas por reservas ou aproveitamentos especiais do espazo de uso público reserva especial de espazo na calzada para entrada e/ou saída de vehículos ao interior do inmoble ou solares, legalmente autorizados polo Concello como “VAO PERMANENTE”, sen prexuízo do establecido no artigo 14 da presente ordenanza.

TÍTULO III. SUXEITOS PASIVOS E RESPONSABLES.

Artigo 4. En relación cos feitos impoñibles determinados no artigo 2 establécese o seguinte:

4.1. Será suxeito pasivo contribuínte o condutor do vehículo obxecto do servizo. O titular do respectivo vehículo será, en todo caso, responsable subsidiario do pago da taxa, agás no caso de utilización ilexítima do vehículo por parte do condutor debidamente xustificada.

4.2. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e/ou xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

4.3. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da precitada Lei xeral tributaria.

4.4. Nos casos de prestación do servizo a requirimento da Recadación Executiva, será suxeito pasivo quen sexa obxecto do expediente administrativo de constrinximento correspondente.

 

Artigo 5. En relación cos feitos impoñibles establecidos no artigo 3 están obrigadas a pagar as taxas reguladas nesta ordenanza:

5.1. O solicitante da reserva ou aproveitamento especial do espazo de uso público, sen prexuízo da devolución do importe no caso de serlle denegada.

5.2. As persoas físicas ou xurídicas beneficiarias da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público ou a quen afecten ou beneficien, persoalmente ou nos seus bens, os servizos ou actividades públicos que constitúan o seu feito impoñible.

5.3. Se é o caso,terán a consideración de suxeitos pasivos as herdanzas xacentes, comunidades de bens, comunidades de propietarios e outras entidades que, carentes de responsabilidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición.

5.4. Terán a condición de substitutos do contribuínte das taxas por reserva ou aproveitamentos espaciais do espazo de uso público os propietarios dos predios e locais a que dean acceso as entradas de vehículos, os cales poderán repercutir, de ser o caso, as cotas aos respectivos beneficiarios.

Os ditos propietarios serán, así mesmo, responsables das obrigas inherentes á construción, mantemento, modificación e/ou supresión das referidas reservas ou aproveitamentos.

5.5. Os beneficiarios dun aproveitamento continuado que figuren no correspondente padrón, en tanto non presenten a baixa.

TÍTULO IV. DEVENGO.

Artigo 6.   Referente ao establecido no artigo 2 a obriga de contribuír nacerá coa prestación dos servizos tendentes a retirada, traslado e/ou depósito. Para que se considere nacida a obriga de contribuír abondará coa iniciación polos servizos municipais das operacións conducentes a retirada, traslado e/ou depósito.

Artigo 7.   En relación co establecido no artigo 3 a obriga de contribuír xurdirá:

7.1. Cando se trate de autorizacións de novas reservas ou aproveitamentos especiais do espazo de uso público, no momento de solicitar a licenza.

7.2. O período impositivo coincide co ano natural e o devengo, unha vez que sexa autorizada a licenza, será periódico e terá lugar o primeiro día do citado período impositivo.

7.3. As taxas serán irreductibles, agás nos supostos de alta nova ou de baixa de vao, prorrateándose nestes casos por trimestres naturais.

TÍTULO V. TARIFAS.

Artigo 8. En relación coa retirada, traslado e/ou depósito de vehículos, as taxas esixibles en cada caso serán as que se reflicten nos epígrafes seguintes.

Epígrafe 8.1 - Pola retirada e/ou traslado de cada vehículo dos expresados a continuación ou análogos:

Motocicletas, ciclomotores, motocarros e vehículos análogos......................................... 37,98 €

Turismos......................................... 68,36 €

Vehículos "todo terreo", furgonetas ou similares, con MMA(masa máxima autorizada)inferior a 3.500 Kg............ 91,15 €.

Os vehículos cunha MMA superior ou igual a 3.500 Kg pola complexidade da súa retirada e/ou traslado, pagarán a contía que se fixe no momento de efectualo, sen que en ningún caso poda ser inferior ao custo real das operacións.

Epígrafe 8.2 - Depósito de vehículos: por cada día ou fracción e por unidade:

Motocicletas, ciclomotores, motocarros e vehículos análogos........................................... 4,53 €

Turismos........................................... 9,10 €

Vehículos "todo terreo", furgonetas ou similares, con MMA(masa máxima autorizada inferior a 3.500 Kg) ............ 22,78 €

Artigo 9.    As reservas ou aproveitamentos especiais de espazo de uso público, serán de 3m. de lonxitude, paralelos á calzada, agás casos excepcionais, e a contía das taxas reguladoras deste concepto será a que figura nos epígrafes seguintes, segundo o tipo de aproveitamento, superficie ou lonxitude de ocupación e duración desta:

Epígrafe 9.1 - Reserva especial de espazo na vía pública para a entrada de vehículos a garaxes particulares de vivendas, terreos, recintos particulares ou garaxes de comunidades de propietarios para uso exclusivo das vivendas a través de beirarrúas ou de terreos de uso público, por cada metro lineal ou fracción e por ano:

30,38 € por metro lineal e por ano, máis 7,60 € por praza e ano.

Epígrafe 9.2 - Reserva especial de espazo na vía pública para a entrada e saída de vehículos a garaxes públicos a través de beirarrúas ou de terreos de uso público, por cada metro lineal ou fracción e por ano:

53,18 € por metro lineal e por ano, máis 7,60 € por praza e ano.

Para aplicar todos os puntos anteriores calcularase como superficie máxima para a praza de garaxe 30 m2, que comprenda a parte proporcional de espazo para acceder a ela.

Epígrafe 9.3 - Reserva especial de espazo na vía pública para a entrada e saída de vehículos a garaxes ou accesos a establecementos industriais e comerciais, por metro lineal ou fracción e por ano:

53,18 € metro lineal e por ano.

En relación con todos os epígrafes anteriores deste artigo, os titulares dos garaxes correspondentes aboarán, ademais, a cantidade de 11,42 € pola placa do "vao permanente" co escudo da vila, numerada, que anuncia a existencia dun paso desas características.

A taxa que deberán aboar os titulares das reservas de espazo de uso público (vaos) polo pintado de amarelo do bordo da beirarrúa, o que se describirá no art. 15 seguinte desta ordenanza, será de 15 euros.

TÍTULO VI. EXENCIÓNS OU BONIFICACIÓNS.

Artigo 10.   Non se concederá ningunha exención ou bonificación no pago das taxas, agás nos dous casos seguintes:

10.1. A taxa pola retirada e/ou traslado de vehículos sufrirá unha redución do 50% cando unha vez iniciadas as operacións que conducen a ela non chegase a efectuarse o enganche do vehículo.

10.2. Cando o titular do vehículo abandoado na vía pública acredite suficientemente a utilización ilexítima del, de conformidade co que se establece no artigo 71-2 do RDL 339/1990, do 2 de marzo, e en concordancia co que se prevé no artigo 4.1 da presente ordenanza, quedará exento.

TÍTULO VII. PAGO.

Artigo 11.  O pago das taxas pola retirada, traslado e/ou depósito de vehículos realizarase:

11.1. Con anterioridade á devolución do vehículo. Ningún vehículo será devolto ao seu reclamante lexítimo sen que fose satisfeita previamente a taxa liquidada segundo a presente ordenanza, sen prexuízo da súa devolución se ulterior se declarase a improcedencia do cobro.

11.2. A exacción de taxas reguladas na presente ordenanza será compatible co pago das sancións ou multas que procedesen por infracción simultánea das normas de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, de policía urbana ou da normativa sobre residuos sólidos urbanos que dera lugar á retirada, traslado e/ou depósito do vehículo; sen prexuízo doutras sancións alleas.

Artigo 12.  O pago das taxas por reservas ou aproveitamentos especiais do espazo de uso público realizarase:

12.1. No caso de novos aproveitamentos no momento de autorizar a licenza, polo procedemento de liquidación nas oficinas de Facenda local, procederase polo importe total do ano natural, ou polo que corresponda conforme ao que se prevé no artigo 7.2 desta ordenanza.

12.2. No caso de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, ingresarase a contía correspondente ao período anual, mediante domiciliación bancaria, para tales efectos o Concello requirirá anualmente para o seu pago a través de anuncios no Boletín Oficial da Provincia, dando publicidade tamén nun dos diarios de maior difusión da provincia e no taboleiro de anuncios do concello.

TÍTULO VIII. NORMAS DE XESTIÓN.

Artigo 13.   Unha vez rematado o prazo da reserva ou aproveitamento especial que se sinala na licenza deberá o interesado solicitar a correspondente baixa nas oficinas da Facenda local, ou de ser o caso, solicitar a correspondente prórroga. Para estes efectos entenderase solicitada e concedida a prórroga da autorización cando se acredite ter efectuado en tempo e forma o pago da taxa correspondente para proseguir gozando da reserva ou aproveitamento especial, sen prexuízo da súa revogación polo Concello por motivos de interese xeral.

Artigo 13 bis.

Será obriga do contribuínte, no momento da solicitude da reserva de espazo de uso público (vao) nas oficinas do Concello, a domiciliación bancaria dos recibos que se xeren da dita taxa nos sucesivos períodos anuais, a partir dos datos obtidos do padrón anual correspondente, facilitando o número de conta correspondente. Non obstante, o Concello fará público, todos os anos, o período voluntario de cobro a dita taxa dos recibos emitidos, a través dos anuncios que se publicarán no BOP, nos medios de comunicación, prensa e radio, e no taboleiro de edictos desta entidade local.

Artigo 14. A exhibición doutras lendas, sinais ou placas distintas das expedidas polo Concello de Vilalba, ou das expedidas polo Concello sen ter satisfeito a taxa correspondente ao ano en curso, indicativas dunha reserva especial de espazo de uso público para entrada ou saída de vehículos, dará lugar á exacción da taxa por VAO PERMANENTE cunha recarga do 100% (cento por cento).

Artigo 15.    En todo caso, a construción, mantemento, modificación ou supresión das entradas e saídas de vehículos, así como das reservas especiais de espazo solicitadas correrá a cargo do propietario e/ou beneficiario. En concreto, corresponderá a estes, cando se trate de "VAOS PERMANENTES", o rebaixe da beirarrúa, logo da solicitude, a colocación da placa e o mantemento da axeitada visibilidade da sinalización da reserva en todo momento, mesmo cando a porta de acceso permaneza aberta.

Cando a placa de sinalización presente signos visibles de deterioración o suxeito pasivo está obrigado á súa substitución, para o cal poderá solicitar unha nova no Concello de Vilalba, aboando o importe establecido no artigo 9 no momento de recibir a dita placa.

O pintado de amarelo da beirarrúa, de obrigado cumprimento, levarase a cabo polos servizos municipais do concello, logo do pagamento da taxa establecida na art. 9 de ordenanza.

Artigo 16.    Unha vez recollido un vehículo presuntamente abandonado ou incurso nalgún dos supostos previstos na normativa vixente para a súa retirada, traslado e/ou depósito, do cal os axentes da autoridade levantarán acta sucinta, se os interesados lexítimos non solicitan a súa devolución, unha vez efectuada a súa notificación e transcorridos os prazos, aplicaranse as medidas legais e regulamentarias previstas para os vehículos abandonados.

O horario para a retirada e devolución de vehículos será de 7:00 a 23:00 h todos os días, agás os sábados e domingos que funcionará ás 24:00 h.

Artigo 17.

17.1 Para gozar de reservas ou aproveitamentos especiais de espazo de uso público as persoas interesadas deberán solicitar a oportuna licenza. As solicitudes dirixidas á alcaldía-presidencia conterán, en todo caso, os seguintes datos:

- Nome, apelidos e NIF, ou razón social e CIF, no seu caso,do solicitante, facendo constar o enderezo.

- Deseño indicando a superficie, número de placas e emprazamento da reserva ou aproveitamento.

Os servizos correspondentes deste Concello informarán e liquidarán as solicitudes presentadas polos interesados, e as licenzas concederanse conforme ás normas vixentes en relación co tráfico, obstaculización da calzada e beirarrúas, seguridade e prevención, hixiene e outras.

17.2 Non poderá gozarse dunha reserva ou aproveitamento do espazo de uso público ata que fose ingresado o importe da taxa e outorgada a correspondente licenza.

17.3 Entenderase autorizada a reserva ou aproveitamento polo período de tempo que figure na licenza, mentres a alcaldía-presidencia non acorde a súa revogación ou o interesado non presente a baixa.

17.4 O suxeito pasivo estará obrigado a facilitar o acceso ao interior do inmoble para os efectos de comprobación, por parte dos servizos pertinentes do Concello, da veracidade dos datos achegados polo solicitante ou representante del, sen prexuízo de calqueroutra comprobación que estimen oportuna ao respecto.

Artigo 18.

18.1 Os titulares serán responsables dos danos ocasionados nas beirarrúas, con motivos do uso especial que comporta a entrada-saída de vehículos polo que estarán obrigados á súa reparación e mantemento. Previo requirimento pola autoridade competente, o incumprimento desa obriga dará lugar á execución forzosa nos termos regulamentados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

18.2 No caso de cesamento no goze da reserva espacial ou do aproveitamento do espazo de uso público, os titulares estarán obrigados a deixar o espazo afectado pola reserva ou aproveitamento no estado en que se atopaba antes de inicialo, así como, a entregar a placa correspondente cando fose expedida polo Concello.

TÍTULO IX. APROVEITAMENTOS ESPECIAIS DO ESPAZO DE USO PÚBLICO EXENTOS DE TAXAS.

Artigo 19.    O Concello de Vilalba, en función das necesidades de cada momento, poderá habilitar reservas de espazo de uso público para destinalas a ESTACIONAMENTO de vehículos para CARGA - DESCARGA de mercadorías.

CAPÍTULO 1- ZONAS RESERVADAS PARA ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS QUE TRANSPORTEN PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA.

Artigo 20.

20.1 Para os efectos de control e uso das zonas reservadas para estacionamento de vehículos que transporten persoas diminuídas con mobilidade reducida establecese, conforme ao que se prevé no artigo 27-2 da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autonómica de Galicia, a tarxeta de estacionamento.

20.2 Para obter a tarxeta de estacionamento o interesado deberá formular unha solicitude dirixida ao alcalde-presidente do Concello de Vilalba interesando a concesión dela; a cal, conforme ao que se prevé no precitado artigo 27-2 da Lei 8/1997, terá carácter persoal e intransferible.

CAPÍTULO II - ZONAS RESERVADAS PARA CARGA - DESCARGA.

Artigo 21. CARGA-DESCARGA DE MERCADORIAS.

Co obxecto de regular con carácter xeral as operacións de carga - descarga en vehículos de reparto de toda clase de mercadorías no casco urbano do Concello de Vilalba, establécese o seguinte:

21.1 As operacións de carga-descarga faranse con vehículos dedicados ao transporte de mercadorías e dentro das zonas reservadas exclusivamente para eses vehículos para tal efecto, durante o horario determinado na sinalización.

21.2 En ningún caso se permitirá obstruír ou dificultar a circulación peonil nin rodada, así como os accesos a vaos permanentes autorizados.

21.3 Os vehículos deberán aliñarse paralelamente á beirarrúa, contra o seu bordo, coa dianteira en sentido da circulación xeral, agás no caso de sinalización de zonas en batería, nas que o vehículo non poderá sobrepasar o espazo delimitado para tal fin.

21.4 As operacións deberán efectuarse coa celeridade suficiente para rematalas canto antes, sendo o límite máximo de tempo autorizado,con carácter xeral, de 60 min. Excepcionalmente, poderase autorizar un período maior de tempo, previa solicitude debidamente xustificada, e para unha operación en concreto.

21.5 As mercadorías non se depositarán na vía pública senón que serán levadas directamente do inmoble ao vehículo ou á inversa, salvo casos excepcionais que deberán ser expresamente autorizados atendendo ás condicións que en cada caso se establezan.

21.6 Os vehículos que transporten mercadorías perigosas ateranse, en todo caso, ao que se dispón na normativa vixente aplicable nesa materia.

Artigo 22. APEADOIRO DE VIAXEIROS.

A reserva especial de espazo de uso público para os únicos efectos de apeadoiro e subida de viaxeiros queda exenta de taxas,e está igualmente sometida á previa autorización polo Concello,sendo requisito necesario, aínda que non suficiente, que a empresa solicitante acredite o cumprimento da normativa de transporte e demais aplicable.

No caso de resultar autorizada polo Concello, o cal non eximirá á empresa de dispor das demais autorizacións preceptivas segundo a normativa vixente, será de aplicación o que se establece no artigo 15 da presente ordenanza.

 

TITULO X. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

Artigo 23. En todo o relativo ás infraccións e sancións en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial aplicarase a normativa vixente nesa materia,e para a súa tipificación e cualificación as relacións codificadas de infraccións e sancións que para tales efectos distribúe a Dirección Xeral de Tráfico as forzas e corpos de seguridade encargados da vixilancia e control do tráfico,a través das respectivas xefaturas provinciais, agás nos casos esencialmente urbanos,nos que se aplicará o decreto ditado pola alcaldía para tales efectos dentro dos límites establecidos na lexislación vixente.

En todo o relativo ás infraccións tributarias e ás súas distintas cualificacións, así como ás sancións que a elas correspondan en cada caso, non previstas nesta ordenanza, hase de estar ao que se dispón nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

En todo o que non está previsto na presente ordenanza estarase ao que se establece na normativa vixente aplicable.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

Para os efectos de adaptar a aplicación da presente ordenanza establécese excepcional e exclusivamente para o exercicio do ano 2000 un período de pago de 3 meses contados a partir da súa entrada en vigor.

Así mesmo e tamén excepcionalmente para o exercicio do ano 2000, as taxas recollidas no artigo 9 da presente ordenanza serán as seguintes:

*Epígrafe 9.1 Establecese unha taxa anual de 60,10€, mais 6,01€ por ano e praza, máis o correspondente prezo da placa.
*Epígrafe 9.2 Establecese unha taxa anual de 102,17€, máis 6,01€ por ano e praza, máis o correspondente prezo da placa.

*Epígrafe 9.3 Establecese unha taxa anual de 102,17€, máis o prezo correspondente da placa.

A partir do ano 2001,a ordenanza será de aplicación íntegra.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

A presente ordenanza derroga integramente á “ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de inmobilización, retirada e depósito de vehículos abandonados ou estacionados defectuosa ou abusivamente na vía pública” aprobada polo Pleno da corporación na sesión que se celebrou o día 22/9/95, publicada no BOP núm. 267, de data 21/12/95; así como a “ordenanza reguladora do prezo público por entradas de vehículos a través das beirarrúas e as reservas de vía pública para aparcadoiro, carga e descarga de mercadorías de calquera clase” aprobada polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o día 11/10/1989, e publicada no BOP núm. 250, de data 30/10/1989; e as demais en todo aquilo que se opoña ao establecido na presente ordenanza.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA.

A modificación da presente ordenanza, que se aprobou polo Pleno na súa sesión de data 4/04/2016, será de aplicación dende o día seguinte á publicación do seu texto íntegro no BOP (11/06/2016) e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.