InicioServizosCultura, Asociacións Rurais e Feiras e MercadosMuseo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

O Museo é unha Fundación Pública Municipal rexida por un Padroado, que centra as súas actividades na investigación, custodia, conservación e difusión da Prehistoria e Historia Antiga de Galicia. Tras dez anos de estadía na súa anterior sede, desde o verán do 2002 atópase no seu actual edificio da Rúa Domingo Goas.

Na súa exposición permanente faise un percorrido polas distintas fases e culturas asentadas no Noroeste da Península Ibérica dende os primeiros poboadores ata a presenza romana. Afastándose do abigarramento e repetición de obxectos, faise fincapé nos procesos culturais, tecnolóxicos e económicos destas sociedades dun xeito especialmente didáctico.

Ademáis desta mostra, móntanse outras de carácter temporal que logo de presentarse no Museo tórnanse itinerantes. A organización de cursos, seminarios e ciclos de conferencias, xunto coas tres series de publicacións editadas, completan a oferta cultural do centro.

En canto ás liñas de investigación desenvolvidadas, comprenden a caracterización das sociedades paleolíticas e epipaleolíticas de Galicia e a reconstrución paleoambiental do norte da Península Ibérica.

Posúe asemade un programa de Acción Didáctica deseñado tanto para grupos escolares como para colectivos de adultos. Esta iniciativa reúne unha serie de recursos que se poden desenvolver individualmente ou agrupándoos segundo o interese dos participantes ou da súa dispoñibilidade de tempo. Deste modo, a duración da visita pode oscilar entre unha hora e unha xornada, segundo os recursos elixidos. O Museo dispón tamén dun programa educativo para grupos familiares.