Servizo de educación e apoio familiar

PROGRAMA DE EDUCACIÓN E APOIO FAMILIAR

Subvencionado pola consellería de Política Social e cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020

Está dirixido á inclusión social dos menores e das súas familias, e o seu obxectivo principal é promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas.

O programa de Educación Familiar divídese en tres subprogramas: APOIO E SEGUIMENTO ESCOLAR DOS MENORES, ADESTRAMENTO E MODELAXE EN HABILIDADES PARENTAIS e ALFABETIZACIÓN E FORMACIÓN NA LINGUA CASTELÁ.

APOIO E SEGUIMENTO ESCOLAR DOS MENORES

A educación é un dereito básico, e principal instrumento de socialización e integración social. Mellora as expectativas laborais e salariais, e aumenta a participación social. O fracaso escolar deriva nun abandono prematuro da ensinanza, e constitúe un dos principais factores que contribúen á aparición de situacións de marxinalidade, paro, e exclusión social, converténdose nun grave problema:o 31% da poboación entre 18 e 24 anos non acadou o graduado en Educación Secundaria.

No abandono prematuro dos estudios, inflúen situacións persoais, familiares e sociais, que é preciso ter en conta, para aportar os apoios e intervencións familiares e sociais precisas para superar este grave problema.

O informe PISA , indica que as expectativas dos pais son maiores para os fillos que para as fillas no apoio para cursar carreiras de ciencias, tecnoloxía, enxeñería ou matemáticas. Para reducir a brecha de xénero en educación é importante que os pais e nais proporcionen o mesmo apoio aos seus fillos e as súas fillas en relación co seu traballo escolar e as súas aspiracións profesionais.

Obxectivo xeral:

Escolarización de todos os menores, dende os 3 anos (xa que a escolarización en infantil, mitiga a influencia dun entorno socioeconómico desfavorable) ata a obtención do Graduado en Educación Secundaria, como mínimo, motivando aos mozos e mozas a continuar a súa formación elixindo aquelas profesións que se adapten máis ás súas preferencias e que teñan máis demanda e non as relacionadas tradicionalmente cun ou outro xénero.

Obxectivos específicos:

  • Implicación dos pais e nais nas tarefas escolares dos seus fillos/as, sobre todo dos pais, xa que é unha labor asumida tradicionalmente polas nais.

  • Seguimento das pautas indicadas polo profesorado dos centros educativos respecto aos fillos/as.

  • Adquisición de hábitos e técnicas de estudio que permitan ao alumnado aumentar o seu rendemento académico.

  • Apoio escolar nos casos que se estime necesario.

  • Conseguir a reincorporación daqueles menores que abandonaron o sistema educativo sen acadar un título escolar, proporcionándolles asesoramento e orientación para a súa formación, motivándolles a elixir segundo os seus intereses, non segundo as profesións tradicionalmente consideradas dun ou outro xénero.

  • Promover un cambio de actitudes potenciando as relacións das familias cos colexios, e a súa implicación no proceso educativo dos seus fillos e fillas, sobre todo dos pais.

  • Proporcionar ós pais e ás nais pautas para motivar ós seus fillos e fillas a acadar un título académico acorde aos seus intereses e motivacións, sen distinción de apoio segundo o seu xénero.

ADESTRAMENTO E MODELAXE EN HABILIDADES PARENTAIS

O concepto de familia cambiou considerablemente nas últimas décadas, adaptándose aos rápidos cambios sociais e económicos da sociedade. A familia segue a ser o grupo prioritario da sociedade, o que mellor pode promover o desenvolvemento igualitario a nivel persoal, social e intelectual dos e das menores, e protexelos de situacións de risco.

A tendencia actual dos grupos familiares é a ser cada vez mais reducidos e individualizados polo que teñen que afrontar tensións e situacións de estrés que poden esixir o apoio de profesionais da rede social.

Ademais, as dinámicas e os roles de xénero dentro das familias están cambiando (tanto os da parella como os dos seus fillos/as) baseándose en principios máis igualitarios. Estes cambios tamén afectan as relacións entre pais/nais e fillos/as que pasaron de ter unha estrutura xerárquica, a plantexarse como relacións máis horizontais e democráticas.

Sobre os pais/nais recae a responsabilidade de promover valores, actitudes e comportamentos saudables e responsables que favorezan o desenvolvemento san dos seus fillos/as e proporcionar un contexto axeitado de desenvolvemento e educación igualitaria para os seus membros.

Para isto, a miúdo a familia necesita apoio para afrontar os novos retos da sociedade actual coas dificultades engadidas xeradas polos rápidos cambios sociais, polo que deben dispoñer das competencias e recursos necesarios para dar resposta as diferentes problemáticas e necesidades familiares.

Obxectivo xeral:

Promover a adquisición por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas, implicando especialmente aos pais na educación dos seus fillos/as, xa que esta tarefa é considerada tradicionalmente, responsabilidade das nais.

Obxectivos específicos:

  • Coñecer as características evolutivas dos/das menores ao seu cargo.

  • Comprender a importancia da escoita activa e da comunicación empática na relación cos seus fillos e fillas e como inflúe no control dos impulsos.

  • Coñecer a importancia de satisfacer as necesidades afectivas, educativas e materiais dos seus fillos/fillas.

  • Utilizar estratexias de resolución de problemas e negociación.

  • Utilizar a disciplina para fomentar a autorregulación do comportamento nos seus fillos/fillas: límites construtivos, normas e consecuencias.

  • Aplicar as mesmas normas e disciplina sen ter en consideración o xénero dos e das menores.

  • Seguimento das familias derivadas polo Equipo do Menor e aquelas derivadas xudicialmente.

  • Favorecer a integración e participación das familias en todos os ámbitos da vida comunitaria.

  • Incluír nas Escolas Deportivas Municipais a todos os menores participantes no programa, especialmente aos fillos e fillas de inmigrantes, xa que a práctica deportiva, axuda aos menores a integrarse socialmente, a adquirir valores fundamentais, a seguir regras e normas, aumenta a súa autoestima, potencia a creación e regularización de hábitos e lles axuda a controlar os impulsos.

ALFABETIZACIÓN E FORMACIÓN NA LINGUA CASTELÁ

Este ano, decidimos engadir este subprograma, debido á gran demanda existente por parte das mulleres inmigrantes, na súa gran maioría de orixe marroquí, que chegan sen ningunha noción das linguas da nosa comunidade.

Aprender a lingua do país de acollida facilita a vinculación e integración sociocultural dos inmigrantes.

Ser inmigrante e muller supón un dobre factor de risco de exclusión social, porque ás dificultades asociadas aos inmigrantes hai que engadir o feito de ser muller, e no caso das mulleres inmigrantes marroquís existe ademais un terceiro factor de risco, debido as características propias da cultura musulmán, que se agravan ao estar nun entorno novo onde as súas características culturais e relixiosas son minoría. Polo tanto teñen un triplo risco de marxinalidade, polo que este programa vai dirixido exclusivamente a mulleres con fillos menores a cargo.

Obxectivo xeral:

Promover o aprendizaxe da lingua castelá das mulleres inmigrantes con fillos menores, como requisito imprescindible para a súa integración na comunidade.

Obxectivos específicos:

  • Adquirir competencias lingüísticas, que permitan ás mulleres comunicarse coa comunidade e desenrolar e manter unha vida o mais autónoma posible.

  • Promover a comunicación no seno da familia en lingua castelá, para acelerar o proceso de manexo da lingua, imprescindible para un rendemento escolar axeitado dos menores.

  • Ofrecer información acerca dos recursos municipais existentes, así como doutras entidades e servizos.

  • Introducir ás mulleres no coñecemento do seu entorno: país, comunidade autónoma, provincia, localidade e costumes locais.

O programa de educación e apoio familiar para á inclusión social dos menores e das súas familias, é complementario ao programa de inclusión social da oficina comarcal de Begonte.

As familias participantes son derivadas polos centros educativos, polo Equipo do Menor, pola Oficina Comarca de Inclusión Social de Begonte e polas traballadoras e traballadores sociais deste concello. Cada vez máis familias acoden a este servizo a solicitar apoio para o desenrolo das súas funcións.

Nestes intres estase a traballar con 25 familias e 41 menores.

A intervención realízase maioritariamente no domicilio das familias.

Trátase dun acompañamento individualizado para dar resposta ás problemáticas específicas que presenta cada familia en particular.

Estamos coordinados cos centros educativos, cos que mantemos reunións periódicas e conxuntas nas que están presentes os pais/nais dos menores, co Equipo do Menor, e coa oficina comarcal de inclusión social de Begonte.

COMO ACCEDER

Este servizo pode ser demandado polas propias familias,  ou ben propoñerllo as  profesionais de servizos sociais, do ámbito educativo ou de saúde , onde se detecten problemáticas susceptibles  da inclusión no mesmo.