Servizo de axuda no fogar (SAF)

Conxunto de atencións prestadas ás persoas ou familias no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.

Poderán ser atencións de carácter persoal, domésticas, de acompañamento persoal e atencións de carácter psicosocial. Unha vez garantido o nivel básico de atención poderán incorporarse outras actuacións de carácter complementario.

Existen duas modalidades na prestación do servizo:

  • SAD para persoas dependentes valoradas a través do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia de Galicia (SAAD). O acceso para estas será prioritario e directo, e será o concello o que proceda a incluílas no servizo consonte o programa de asignación de recursos do antedito SAAD e a lista de agarda na que se inclúen en función do grao de dependencia outorgado.

O servizo é cofinanciado entre a administración local, autonómica e as persoas usuarias, que aportarán unha parte do custo do servicio en función da súa capacidade económica no caso das persoas dependentes.

  • SAF para as persoas sen recoñecemento de dependencia, as cales, previa solicitude, e logo da prescrición técnica dos traballadores sociais, accederán en réxime de libre concorrencia en aplicación dun baremo público que no que se valoran os déficits de autonomía, os factores de carácter persoal e socio-familiar, o apoio social, a situación da vivenda e outros que poidan dificultar a normalización social e a calidade de vida.

Este recurso inclúe os seguintes tipos de atencións de carácter básico

  • Atencións de carácter persoal.
  • Atencións de carácter doméstico e da vivenda.
  • Atencións de carácter psicosocial ou educativo.

Con carácter complementario, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros:

  • Actividades de acompañamento, socilización e desenvolvemento de hábitos saudables.
  • Servizo de préstamo de axudas técnicas para persoas en situacións de dependencia.
  • Prestacións de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.
  • Adaptacións funcionais do fogar.
  • Servizo de podoloxía.
  • Servizo de fisioterapia.

PERSOAS DESTINATARIAS

  • Persoas maiores con déficits de autonomía.
  • Persoas con discapacidade.
  • Familias con menores a cargo con necesidades de apoio a nivel socioeducativo.
  • Familias en risco de exclusión social.

COMO ACCEDER

A través do programa de valoración, orientación e información.

NORMATIVA

Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar (DOG nº 22 do 2/02/2009)

Orde do 19 de abril de 2013 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia (DOG nº 86 do 6/05/2013

Ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar.

Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do Servizo de axuda no fogar.

Enmarcados neste programa, o concello conta con outros servizos de atención domiciliaria que pretenden contribuir a que as persoas permanezan nos seus fogares o maior tempo posible e cun nivel de independencia e autonomía aceptable:

  • XANTAR NA CASA
  • TELEASISTENCIA DOMICILIARIA
  • PRÉSTAMO DE AXUDAS TÉCNICAS