InicioParroquiasInsua (San Bartolomé de Insua)

Insua (San Bartolomé de Insua)

San Bartolomeu de Insua é unha parroquia do Concello de Vilalba, na provincia de Lugo, que limita polo oeste coa parroquia de Ladra e Torre, como o topónimo ben indica, é un territorio rodeado pola auga do río, aquela que proporcionan o Ladra e o Labrada antes de xuntarse na veciña fresguesía de Pigara, xa no Concello de Guitiriz. Dista aproximadamente 11 quilómetros da capital da Terra Chá.

En 2018 conta con 226 habitantes (103 mulleres e 123 homes)

Esta parroquia ten unha superficie de 1097 hectáreas distribuídas nos barrios de: Abeledo | Cardosa | As Casas Novas | As Casas Vellas | Cotoriña | Escolante | Lama | Marcelle | Merlán | Mouzón | Pasaído | Pino | Ponte de Sa | Puzo | Rebordaos | Rego | Regueira | Sa | Santalla | Vicente | Vilargabín

LUGARES DE INTERESE

A igrexia parroquial adicada ó apóstolo San Bartoloméu, un edificio de grandes dimensións construído a principios do século XX no lugar que ocupabaa pequena e vella igrexa.

Cunha planta de cruz latina e cruceiro elevado, acolle no seu interior o retablo Maior de corte neorrenacentista, así como dous altares neogóticos elaborados en madeira de castaño en sendas capelas laterais.

A capela de San Ramón, unha pequena construcción dunha soa nave situada no barrio da Ponte de Saá, a quen se lle adica unha romaría tradicional a finais de xullo con merendas arredor na ponte medieval. Da igrexa primitiva aproveitouse o antigo altar Maior e instalouse na capela de San Ramón.

O Camiño Norte de Santiago discorre parte do trazado pola saída oeste no tramo que vai de Vilalba a Baamonde, onde se atopa un dos elementos patrimonais  máis coñecidos a Ponte de Saá, que nos permite atravesar o río Labrada.

Dos primieros poboadores deste lugar que temos constancia a través da presenza de túmulos megalíticos na marxe do río Labrada, así como as testemuñas orais sobre o antigo castro no monte do Barrazoso, empregado antano coma canteira pública da que extraer a pedra para construir as casas e distintos alpendres da parroquia.

Posiblemente un dos elementos patrimonais máis coñecidos desta freguesía é a Ponte de Saá. Ainda que a súa fama está relacionada coa cultura romana, en realidade o seu trazado indica claramente unha fábrica de orixe tardomedieval de arcos góticos, reformada en varias ocasións a finais do século XX. Nembargantes, non podemos descartar rotundamente unha posible orixe romana, pois moitos elementos son herdeiros de arquitecturas previas, reformadas para adaptarse ós estilos e necesidades posteriores.

No campo da etnografía nesta parroquia destaca o labor que a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua leva desempeñando dende 2007, baseada na recuperación do cultivo tradicional do liño e todo o patrimonio que xira en torno a él (léxico, xuntanzas, cantigas, regueifas, tradicións)

FESTAS

San Bartolomeu, terceiro fin de semana do mes de agosto

San Ramón, finais do mes de xullo

 

As datas son orientativas e poden sufrir algunha modificación

 

 

O paseo por Insua conclúe na saída oeste, onde se atopa a ponte de Saa, que nos permite atra- vesar o río Labrada. Restaurada modernamente respectando o seu trazado medieval orixinal, a construción posúe dous arcos de medio punto e unha ducia de aliviadoiros, que testemuñan as in- tensas choivas que se rexistran na zona en inverno.