InicioParroquiasAlba (San Xoán de Alba)

Alba (San Xoán de Alba)

San Xoán de Alba é unha parroquia do Concello de Vilalba na provincia de Lugo que limita ao norte coa parroquia de Boizan, ó este coa parroquia de Noche e ó suroeste coa parroquia de A Torre. Dista 5 quilómetros da capital da Terra Chá.

No ano 2018 conta con 308 habitantes, 150 homes e 158 mulleres.

Esta parroquia ten unha superficie de 932 hectáreas divididas nos seguintes barrios: Abadín, Amarigo, O Bosque, Carralmaior, As Casas Novas, Chantada, A Chousa, Coea, A Costa, A Cruz, Currás, O Curro, As Dádivas, A Estrada, A Ferreiroa, O Fontelo, Galiñeiro, A Igrexa, O Larizo, Lela, A Louseira, O Outeiro, A Paiola, Pazos, A Pena, Penelas, Tralocurro, As Turbelas, Vidal e As Xestas.

En Alba hai fértiles terras de prados e ínsuas ao este, á beira do Ladra, e montes de boa calidade ó Oeste ata o val do río Ladra.

LUGARES DE INTERESE:

Por San Xoan de Alba discorre a etapa 30º do Camiño Norte de Santiago, que une Vilalba con Baamonde.

Destaca a sua igrexa parroquial, reformada no século XVII e o seu ceminterio neo-gótico que presenta os característicos pináculos, unha moda extendida e que conservaban os canteiros da Terra Chá dende o século XVI. A igrexa conta cun pórtico exento e con varios cruceiros na súa contorna.

Outro dos lugares de obligada visita na parroquia de Alba atópase no Monte de Galde. Alí se ubica a necrópole megalítica Roza das Modias, composta por varias mámoas. O maior dos túmulos, presenta a cámara cos seus chantos decorados con liñas onduladas verticais. Trátase do exemplo máis importante de gravado prehistórico no noroeste da península.

A visita a Roza das Modias forma parte tamén da Ruta Arqueolóxica de Vilalba promovida polo MUPAV en colaboración co Concello de Villaba que recorre os principais vestixios arqueolóxicos do termo municipal

FESTAS:

San Xoan (Festas Patronais) 24 de xuño

O Santo Anxo O 30 de setembro

As datas son orientativas e poden sufrir algunha modificación