InicioNovasO Concello presenta un Nadal cheo de actividades para todos os públicos

O Concello presenta un Nadal cheo de actividades para todos os públicos

O goberno local vén de anunciar o cartaz do programa decembro e Nadal, cunha morea de actividades moi diversas

O primeiro dos espectáculos terá lugar este sábado para público familiar, sucedendo xogos infantís, contacontos, obradoiros, torneos de cartas, festa acuática, música, cine e teatro.

Vilalba, 3 de decembro de 2019

O Concello de Vilalba vén de presentar o programa para este Nadal 2019-2020 cunha morea de actividades pensadas para todos os públicos, incluíndo novidades como obradoiros na biblioteca, festa acuática na piscina municipal, o torneo de cartas Magic, ou a proxección de películas. O primeiro dos espectáculos terá lugar este mesmo sábado, O lobo e a lúa, para público familiar.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, xunto coa concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e a concelleira de Infancia e Mocidade, Antía Rama, presentaron esta mañá o programa con preto de 30 citas ao longo do mes de decembro e na primeira semana de xaneiro, subliñando que “intentamos introducir cousas distintas pensando nos gustos e intereses da veciñanza, desde os máis pequenos aos máis maiores, sen lembrarnos da xuventude”.

Ademais, explicaron que “hoxe presentamos todas as actividades, pero iremos lembrando cada semana e ampliando máis información, dando conta tamén dos prazos de inscrición e outros asuntos de interese”. Finalizaron lembrando que “este Nadal será especial e deixaremos o selo do novo goberno que formamos neste ano”.

PROGRAMA NADAL 2019-2020

7 de decembro

Auditorio Municipal

18 horas

O LOBO E A LÚA

PREMIO BARRIGA VERDE de Textos para Teatro de Monicreques – 2014

O lobo e a lúa é unha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre sempre de noite, á luz da Lúa. Unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor.

Está pensada para público familiar a partir de 3 anos.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

 

11 de decembro

Biblioteca Municipal

20 horas

LOIS PÉREZ – SACAR A LINGUA A P(r)ACER

Lois Pérez é contrabandista de historias e narrador oral, humorista, cronista de rock and roll e dramaturgo. As historias que conflúen nas contadas de Sacar a lingua a p(r)acer mesturan o humor, a tradición oral e a literatura galega e universal.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

13 de decembro

Biblioteca Municipal

18:30 horas

CONTACONTOS O RATIÑO PÉREZ

Un libro que recolle instantes da vida e familia deste veciño tan especial para as familias de Vilalba: O ratiño Pérez. O seu labor e presencia na capital chairega non deixa indiferente a ninguén.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

Casa da Cultura

20:30 horas

RAMÓN VILLARES

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega entre o 2006 e o 2018 presentará en Vilalba o seu traballo recentemente publicado: Galicia. Unha nación entre dos mundos (Pasado & Presente), un libro co que pretende explicar o que é Galicia, axudar a entendela e a que sexa comprendida, libre de estereotipos e clichés. Estará acompañado polo xornalista e director de A Voz de Vilalba, Moncho Paz, e a alcaldesa, Elba Veleiro.

 

 

14 de decembro

Auditorio Municipal

18 horas

ESENCIAL VAIVÉN CIRCO

3 euros (ataquilla.com/Casa Cultura)

Esencial é un espectáculo que fala de transicións. Cinco personaxes recónditos que xogan, soñan, unha viaxe de aventuras que nos levará a lugares recónditos nos que a decisión vital será tomar o camiño máis simple. A posta en escena inspíranse no “Arcoiris de Waldorf”, un xoguete composto por pilares e arcos que propician unha espectacular escenografía. Estamos ante unha arquitectura cambiante e capaz de reinventarse.

Premio PACA 2019 ao Mellor Espectáculo de Circo Troupe

Premio PACA 2019 á Mellor Composición Musical

 

 

15 de decembro

Praza da Constitución

12 horas

III ANDAINA SOLIDARIA CRUZ VERMELLA

A saída terá lugar na Praza da Constitución ás 13 horas, pasando por rúas do casco urbano nun percorrido aproximado de 3km, retornando ao punto de partida.

 

EXPOSICIÓN LEANDRO LEIXAS

Casa da Cultura

O Instituto de Estudos Chairegos organiza esta exposición de esculturas do artista Leandro Seixas que permanecerá na Casa da Cultura ata xaneiro.

 

Auditorio Municipal

20 horas

CONCERTO VOCES DA CHAIRA

A Coral “Voces da Chaira” dará o seu primeiro concerto  interpretando un repertorio composto por músicas tradicionais, actuais ou grandes zarzuelas e óperas. Actualmente está composta por 70 voces mixtas divididas en catro cordas procedentes de tres corais da comarca da Terra Chá, Coral Luar de Vilalba, Coral Polifónica Vilalbesa e Coral Municipal Virxe do Monte de Cospeito, dirixida por José Miguel Díaz Coira.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

16 de decembro

Biblioteca Municipal

18 horas

OBRADOIRO NADAL  ECOLÓXICO

O Nadal preséntase como un momento especial de rescatar os nosos costumes e tradicións, coñecer panxoliñas, potenciar a creatividade, estimular a imaxinación, potenciar a animación á lectura ou tomar conciencia da importancia da reciclaxe para adornar os nosos fogares.

De balde con aforo limitado, previa inscrición ata o 13 de decembro na Biblioteca Municipal ou chamando ao número 982512232.

 

 

18 de decembro

Biblioteca Municipal

18 horas

CONTACONTOS  RAQUEL QUEIZÁS

Espectáculo de narración oral con obxectos, debuxos e monicreques para nenas e nenos a partir de 3 anos e público familiar. Historias para vencer a soidade, para resolver conflitos de forma positiva, para gañar amigos e perder inimigos.

De balde con aforo limitado, previa inscrición na Biblioteca Municipal ou chamando ao número 982512232.

 

 

20 de decembro

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Publicación das bases na web vilalba.org e nas RRSS do Concello de Vilalba.

 

 

21 de decembro

Casa da Cultura

20 horas

VI RECITAL POÉTICO SOLIDARIO INTERNACIONAL

Verso, que traes? Esperanza

Poesía contra o cancro, organizado por Culturalia GZ e A.V Nete, coa colaboración do Concello de Vilalba e Somos Unidos por el Cáncer.

 

Campo da Feira

23 horas

Tributo á noite vilalbesa

DJ ZALO, DJ KIKO, ANTONIO CURRÁS, DJ SITO, PEDRO ANIDO, DJ FRISO & MARCOS PEÓN.

 

 

22 de decembro

Praza da Constitución

10:30 a 14:30 horas

Feira do Capón

Entrega de premios, showcocking, degustación do capón de Vilalba con razas autóctonas galegas, música de grupos locais, sorteo de agasallos de produtos agroalimentarios da comarca, photocall, postos con produtos típicos da zona, foodtruck.

 

Auditorio Municipal

18 horas

Gramola gominola

A Gramola Gominola é unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas), Paula Romero (De Vacas), Anxelo de Xermar (Festicultores) e Rodrigo Muñoz (Lacón con Grelos). Teñen o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

24 de decembro

Praza da Constitución

16:30 a 19 horas

PAPÁ NOEL

Co seu buzón real e cun acompañante dispostos a recoller e cumprir os desexos de pequenas e pequenos.

 

18:30 a 20 horas

APALPADOR

Baixará das montañas de San Simón para percorrer as rúas e locais de Vilalba en busca de nenas e nenos que queiran facer algunha petición neste Nadal.

 

 

25 de decembro

Auditorio Municipal

20 horas

BANDA DE MÚSICA

A Banda de Música de Vilalba realizará o seu tradicional Concerto de Nadal

 

 

26 de decembro

Praza da Constitución

16-20 horas

VILAGAME

Lecer e aprendizaxe a través do xogo, un espazo habilitado para peques de entre 1 e 14 anos no que poderán desfrutar de colchonetas, zona multimedia e carpa de fútbol puntería co xogo da ra, ou mesmo táboa de surf mecánica, entre outros.

 

 

27 de decembro

Praza da Constitución

17-20:30 horas

HUMOR AMARILLO

Todas as persoas temos no imaxinario de que se pode tratar con este título. Pois si! O Humor Amarillo á galega en Vilalba: obstáculos, pista americana, gladiadores, loitadores de sumo (+ 10 anos) e zona infantil para peques con inchables, karts a pedais, rokódromo, rampa e xincanas.

 

Auditorio Municipal

19 horas

I GALA BENÉFICA VILALBA MÁXICA

Cruz Vermella Vilalba, coa colaboración do Concello, organiza este evento no que a maxia envolverá a todas as persoas asistentes.

 

 

28 de decembro

Piscina Municipal

17-20 horas

FESTA ACUÁTICA INFANTIL

A piscina municipal transformarase nun espazo para a diversión de nenos e nenas de máis de 8 anos. Patos á auga!

De 7 a 12 anos

De balde con aforo limitado, previa inscrición presencial na área de Deportes do Concello (segundo andar) ou a través de administración electrónica ata o 23 de decembro.

 

Auditorio Municipal

20:30 horas

DE VACAS

5 euros (ataquilla.com/Casa Cultura)

Mistura de voces e guitarra, harmonías e versións. Cantan en todos os idiomas e inventan outros. Retranca, xuventude, frescura e moita música.

 

 

29 de decembro

Auditorio Municipal

18 horas

A NENA E O GRILO MÁIS ALÓ

A comedia musical dobremente nomeada na pasada edición dos Premios María Casares como mellor espectáculo infantil e mellor música orixinal. Galardoada tamén nos Premios da música Martín Códax ao mellor disco de música infantil pola BSO do espectáculo.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

31 de decembro

16:30 horas

V CARREIRA-ANDAINA SAN SILVESTRE

A San Silvestre vilalbesa contará con diferentes categorías, cunha distancia para as carreiras que varía desde os 200 metros aos 5000 metros en función das idades.

Prazo de inscrición: do 16 ao 27 de decembro. Presencial na área de Deportes do Concello (segundo andar) ou a través de championchipnorte.com

 

 

2 de xaneiro

Praza da Constitución

17-20 horas

LUDOVILALBA

Actividade impartida polas tres ludotecas de Vilalba con 3 obradoiros divididos por tramos de idades (3 a 12 anos) e dous espazos de lecer para diversión das e dos máis  pequenos (0 a 3 anos e 4 a 12 anos).

De balde con aforo limitado, inscrición previa ata o 30 de decembro na área de Cultura do Concello (segundo andar) ou chamando ao 982510761.

 

 

3 de xaneiro

Auditorio Municipal

CINEMA

17:30 horas

Hotel Transilvania 3

20:30 horas

Campeones

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

 

4 de xaneiro

Pavillón Municipal

10:30 horas

TORNEO MAGIC

Sellado de Magic, cada xogador/a recibirá seis sobres do Trono de Eldraine, o que nos levará a un mundo de contos co que cada un terá que montar a súa propia baralla de 40 cartas. Con elas, xogarase todo o día con outras persoas e poderá gañar máis sobres desta edición.

 

Auditorio Municipal

20:30 horas

O SISTER

Grupo de swing que recrea a idade de ouro do jazz vocal, a música popular dos anos 20 e 30 en Norteamérica, unha homenaxe aos grupos femininos daquela época, con máis de 300 concertos por todo o mundo desde a súa estrea.

Entrada de balde ata completar aforo.

 

 

5 de xaneiro

Estación de Autobuses

18:00 horas

SAÍDA CABALGATA DE REIS

19:00: CHEGADA DOS REIS Á PRAZA DA CONSTITUCIÓN onde recibirán aos máis pequenos ata as 21 horas

 

RECEPCIÓN DOS REIS NA CARPA DA PRAZA DA CONSTITUCIÓN

18-21H. OBRADOIROS carpa para entretemento  praza constitución