InicioNovasO Concello de Vilalba aposta polo Camiño de Santiago

O Concello de Vilalba aposta polo Camiño de Santiago

 

O goberno local presenta un proxecto de acondicionamento a longo prazo do Camiño ao seu paso por Vilalba, facendo unha serie de puntualizacións desde o punto de vista lexislativo e patrimonial.

A lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, supuxo o recoñecemento da importancia dos mesmos, de relevancia histórica e universal, parte integrante do patrimonio cultural de Galicia e recoñecido como patrimonio da humanidade pola Unesco.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, na súa exposición de motivos incide na transcendencia da súa protección, “o estudo, a protección, a conservación, o acrecentamento, a difusión e o fomento do patrimonio cultural son pedra angular do exercicio da dignidade colectiva e, xa que logo, plásmanse como o primeiro mandato legal, que non debe ser visto como limitación restritiva senón como participación de toda a sociedade no coidado do que ela mesma creou e ao que ela mesma lle pertence. O patrimonio cultural concíbese, pois, como alicerce de cohesión social e desenvolvementos sutentable”.

Por outra banda, o protagonismo dos concellos na protección do noso patrimonio é agora relevante, pois “forma parte desa segunda onde descentralizadora á que as políticas públicas no eido do patrimonio cultural non deben ser alleas. Só unha visión paternalista, dirixista e intervencionista pode mirar con desconfianza o papel relevante dos concellos, que, lonxe de seren tutelados, deben exercer un grao de autonomía local recoñecida constitucionalmente tamén en materia de patrimonio cultural en defensa lexítima dos seus intereses.

É neste marco no que o Concello de Vilalba opta pola mellora paisaxística, protección e posta en valor, cando menos nun principio, do treito urbano do Camiño de Santiago. Actualmente esta senda histórica atravesa lugares de alto valor paisaxístico á vez que adxetivados con contornos inmediatos de impacto notable negativo, así como falla dunha sinalética axeitada que encamiñe ao peregrino pola senda histórica, en vez de rutas alternativas fóra da súa delimitación.

Dende que o camiño chega ao parque empresarial de Vilalba polo norte ata o sur na ponte Rodríguez, dispón dunha sorte de treitos mesmo dispares no seu concepto: desde os propiamente rurais ata os estrictamente urbanos pasando por territorios de transición, onde a imaxe urbana edificada contrasta coa paisaxe do territorio edificado.

A intención da posta en valor do trazado polo Concello de Vilalba vai na procura da recuperación ambiental e paisaxística, pasando por pequenas accións cosméticas como tratamentos de firmes, valados, etc., ata outras máis drásticas como a demolición do vello matadoiro e recuperación da fonte, hoxe maltratada e abandoada, sen esquecer a propia seguridade dos peregrinos.