InicioNovasO Concello anuncia un proxecto de humanización na contorna do Auditorio

O Concello anuncia un proxecto de humanización na contorna do Auditorio

Vilalba, 17 de xaneiro de 2020

 

O goberno local de Vilalba vén de presentar un proxecto para acondicionar a intersección entre as rúas Pita da Veiga, Porta de Cima e As Pedreiras. Esta iniciativa responde á mellora da zona onde se sitúa o Auditorio Municipal co obxectivo de humanizar determinados puntos da localidade.

Neste caso, a actuación require un custo total de 166.830 euros, de xeito que "unha vez realizado o proxecto, pediremos apoio doutras administracións para poder executalo canto antes", aseverou o edil de Infraestruturas, Luis Fernández.

Ademais de adecuar o espazo con zona de xardín por tratarse dun lugar por onde acostuman a pasar moitas persoas, tamén se prevé renovar o pavimento e ampliar as beirarrúas. Tamén se colocaría unha pérgola con vexetación, bancos e unha fonte, renovando por outra parte o alumeado público e as redes de abastecemento e saneamento. Para a creación deste espazo, no provecto se propón demolir parcialmente un dos inmobles en ruinas, titularidade da Xunta.