Pablo Díaz e TIC, TAC, TOC

Publicado: Martes 28 Marzo 2017
Area: Cultura Eventos

A música, con todo o seu potencial para a aprendizaxe e a transmisión afectiva das linguas, non podía faltar na actividade que FalaRedes lles dedica aos máis pequenos: un concerto para nenos e nenas de 0 a 12 anos e as súas familias, onde poderán bailar, aprender e escoitar en directo as cancións do libro-disco Tic Tac Toc, de Pablo Díaz.

Quen mellor para propoñerlles aos nenos e nenas cancións para desfrutar dunha tarde en familia e para seguir cantando no coche e na casa ca este músico gañador do premio Martín Códax na categoría de música infantil polo seu segundo traballo, Toc Toc (2013), e autor, ademais, doutras propostas de éxito, como Tic Tac (2010) e Xente miúda, moita fartura (2014).

No concerto Tic Tac Toc, Pablo Díaz -acompañado de Diego Barral (guitarras) e de Álex Fente (acordeón)- ábrese ao mundo dende a lingua galega incorporando ritmos e sentires de latitudes diversas (Brasil, Cuba, Os Estados Unidos…) sen abandonar os temas que conforman o universo próximo dos nosos nenos e nenas. Poderedes desfrutar desta actividade o vindeiro domingo 2 de abril no auditorio Carmen Estévez ás 18:30h con entrada de balde.

Espectáculo que pertence ao programa FalaRedes 2017 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e en virtude da adhesión do Concello de Vilalba a Rede de Dinamización Lingüística de Galicia.

PÚBLICO DESTINATARIO:

IDADE: 0 – 12 anos

DURACIÓN: 50 minutos aprox.

LUGAR: Auditorio Carmen Estévez

HORA: 18:30h

Entrada de balde.