Os Axóuxeres

Publicado: Mércores 6 Novembro 2013
Area: Cultura Eventos

Un ano máis, coa chegada do outono, veñen tamén os Encontros dos Axóuxeres para os máis novos da casa. De setembro a decembro percorrerán 24 localidades galegas pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, de entre elas o noso concello de Vilalba, que en colaboración co Centro Cultural Recreativo, acollerá a actuación dos Axóuxeres nas súas instalacións o sábado 16 de novembro ás 18.30h.

Os Axóuxeres  traen historias, música e diversión para os cativos menores de 6 anos, desta volta da man dunha compañía pioneira do teatro para bebés en Galicia: Caramuxo Teatro.

Na obra cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación do público.

Reserva!
A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde, con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10.00h a 14.00 h, no teléfono 610 641 570. Admitiranse reservas dende unha semana antes de cada sesión

Para máis información dos Encontros e do resto de actividades que farán os  Axóuxeres, podedes consultar o seguinte enlace:

http://www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013