Exposición: Elas fan camiño

Publicado: Xoves 6 Outubro 2011
Area: Benestar Social Eventos Muller

A exposición Elas fan Camiño, cedida pola Secretaría Xeral da Igualdade, rende homenaxe ás mulleres peregrinas e a todas aquelas que participaron na conservación e na promoción do Camiño de Santiago ao longo da historia, querendo lembrar o papel que desde o principio da peregrinación en Galicia, a través dos camiños a Santiago, xogaron moitas mulleres, tanto mulleres coñecidas e famosas, como mulleres anónimas.

A inauguración terá lugar o día 6 de outubro ás 20.00 horas na  Casa da Cultura e poderá visitarse ata o 19 de outubro.

A exposición dividise en tres eixos. Unha primeira parte, Elas fixeron Camiño, nos retrotrae  á longa tradición das rutas de peregrinación e a presenza da mulleres nelas dende diferentes perspectivas. Aquí poderemos coñecer a Egeria, a primeira peregrina galega coñecida, a algunhas das hospitaleiras, as protectoras do camiño, etc…

A segunda sección, Elas marcaron o Camiño, mostra a importancia da espiritualidade na tradición xacobea,  vínculo entre o pasado e o presente, a través da devoción feminina e a estendida presenza do culto mariano no Camiño. Nesta parte da mostra reflíctese a importancia do culto mariano nas rutas Xacobeas en Galicia e as diversas virxes peregrinas galegas, como a de Pontevedra ou a de Bertamiráns.

A última parte da exposición, Elas fan Camiño, céntrase no Camiño de Santiago actual, onde o protagonismo das mulleres é indiscutible. Son protagonistas mulleres con nome e apelido escollidas segundo a súa implicación e funcións ao longo das rutas galegas a Santiago, que forman parte esencial dos camiños a Compostela,  non só como peregrinas, senón tamén co seu silencioso facer cotián.

Un vídeo sobre as vivencias no Camiño das mulleres ilustra a realidade das peregrinacións femininas a Compostela e pon punto final a esta mostra.