25 de novembro. Día internacional contra a violencia de xénero.

Publicado: Xoves 25 Novembro 2010
Area: Muller

CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES DO CONCELLO DE VILALBA

Co gallo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, os grupos políticos con representación no Pleno do Concello de Vilalba suscriben un manifesto de rexeitamento contra esta intolerable lacra social que se elevará a Declaración Institucional no Pleno que se celebrará o vindeiro 30 de novembro.


MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Os grupos municipais do Partido Popular, do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego, ante a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, queren reiterar o seu máis firme compromiso contra a violencia de xénero, intolerable manifestación da vulneración dos dereitos das mulleres e da desigualdade ainda existente na nosa sociedade.

A pesar dos os cambios producidos nos últimos anos, como novas leis, programas específicos nas administracións, visibilización nos medios de comunicación, distinta valoración da opinión pública…, non podemos caer na autocomplacencia, xa que o número de mulleres asasinadas, as denuncias de mulleres agredidas e as condenas por agresións seguen en aumento.

Sendo a Violencia de Xénero un problema de primeira magnitude que conmove e afecta a toda a cidadanía,  é necesario que todos e todas xuntemos os nosos esforzos e poñamos todo o noso empeño e vontade para que, as vítimas, recuperen a súa dignidade e os seus dereitos plenos de cidadanía, sen olvidar a especial protección que merecen os e as menores que sofren a violencia de xénero nos seus fogares, polas graves repercusións que a violencia pode ter no seu desenvolvemento, xa que a aprendizaxe de modelos violentos e roles de xénero erróneos poden levar consigo a repetición dos modelos vividos na infancia.

O noso compromiso contra a violencia de xénero pasa por un enérxico rexeitamento a calquera manifestación de violencia que debería encamiñarse a acadar o illamento social dos maltradores, ó tempo que o amparo e a protección das mulleres que se deciden a romper cos seus maltratadores por medio da denuncia, para que, nun Estado de Dereito como no que nos atopamos, o peso da lei caiga sobre aqueles que a vulneran.

Convencidos de que debemos seguir traballando de xeito coordinado e conxunto, dende as distintas administracións con competencias nesta materia, como Adminsitración Local, instamos tanto ao Goberno do Estado como ao Goberno da Xunta de Galicia a seguir traballando na liña de mellorar a asistencia ás mulleres e aos seus fillos e fillas vítimas da violencia machista e loitar polo desenvolvemento pleno de todos os mecanismos de protección que as leis, tanto estatais como autonómicas, lles recoñecen.