Alcalde

Saúdo do alcalde

Cando o sol aparece na chaira, no seu constante amencer de cada día, “el primer rayo de la luz de la mañana” impacta e alumea antes que nada a silueta maxestuosa da Vila de Vilalba, corazón e capital da Terra Chá.

A ti, viaxeiro, que facendo camiño ó andar, ou albiscando na distancia, sintes curiosidade por coñecer a nosa terra, ofrecémosche a ferramenta desta páxina web como raiola de luz que sirva de guía para alumear a túa andaina e descubrir o noso patrimonio histórico, cultural, artístico e gastronómico. Para descubrir a nosa actividade, a nosa vida, o noso xeito de ser.

Mergullándote nela, poderás coñecer a través de Vilalba a riqueza inmensa da Terra Chá: torres, castelos, arqueoloxía, igrexas, artesanía, pero tamén veigas, lagoas, fontes, regatos sin fin; a policromía exhuberante da paisaxe ou a súa toponimia singular. O viaxeiro perspicaz sen dúbida que será capaz de captar ese intanxible peculiarísimo da Terra Chá que son os contrastes: o vento, que ora sopra brumador e alporizado, ora suave e apacible; o silencio telúrico que canta Manuel María, adobado coas voces inmensas de poetas, cantores e músicos que fan da Chaira “unha patria poética”; por non falar da retranca. Esa ironía mordaz capaz de dicir todo sen dicir nada e que pode ver “o aguillón da abella semellante, corto, dulce e punzante”.

E, por suposto, se con bo criterio decides achegarte a Vilalba, conocerás o máis valioso da nosa terra, que son as súas xentes. Xentes apacibles, sabias, capaces de ler o silencio como ninguén, pero sobre todo , e pola configuración de Vilalba como cruce de camiños, xente acostumada a interrelacionar cos viaxeiros que nos visitan e, polo tanto, xente hospitalaria e leal. Os Condes de Andrade xa o sabían hai xa cinco séculos cando acuñaron o seu lema “se bo, que bo compañeiro levas”.

Amigo internauta, cando remates a túa viaxe, probablemente saberás algo máis de Vilalba. Seguro que che quedará a sensación de todo gran viaxeiro: “he visto más lugares de los que recuerdo y recuerdo más lugares de los que he visto”.

Esperámoste en Vilalba e saberás porqué. Unha aperta.

Alcalde.