InicioNovasBorrador automático

BASES DO I CONCURSO DE ESCAPARATES DE VILALBA

1.- O concurso desenvolverase dende as 19h do día 13 de decembro de 2019 ás 23:59h do 6 de xaneiro de 2020, sendo a temática decorativa libre.

 

2.- Poderán presentarse ao mesmo os/as comerciantes e industriais con establecemento aberto ao público no termo municipal de Vilalba.

 

3.- Para tomar parte no concurso os/as comerciantes interesados deberán enviar un correo a comercio@vilalba.es no que se recolla a frase: “Desexo participar no I Concurso de Escaparates de Vilalba”, seguido do nome do establecemento e axuntar no mesmo unha foto do seu escaparate decorado.

 

4.- Os escaparates que participen deberán estar colocados o venres día 13 de Decembro, de xeito que os responsables dos diferentes establecementos teñan feita a solicitude e enviada a foto do seu escaparate á dirección de correo anteriormente citada antes das 17h do mesmo venres día 13.

 

5.- O prazo para enviar as solicitudes/fotos ao correo comeza no mesmo intre da publicación destas bases e finalizará o ás 17h do citado venres 13 de Decembro.

 

6.- O sistema de votación será en base ao numero de “gústame” ou “encántame” que as respectivas fotos teñan na publicación que, ás 19h do antedito venres 13 de Decembro, se levará a cabo dende a páxina de Facebook do Concello de Vilalba. Na mesma, figurará a relación de fotos dos escaparates participantes, acompañadas dos nomes dos establecementos aos que corresponden. No caso de empate, será o número de “encántame” o que decida.

 

7.- A entrega dos distintivos ao establecemento gañador, 2º e 3º clasificado terá lugar ás 13h do martes 7 de Xaneiro. O Concelleiro de Comercio e Turismo, Modesto Renda, e a Alcaldesa, Elba Veleiro, serán os encargados de facer entrega dos mesmos, que consistirán en lenzos decorativos da foto do propio escaparate e a posición final acadada.